A Xunta formará a máis de 700 axentes da policía local, autonómica, nacional e da Garda Civil en materia de violencia de xénero

A Vicepresidencia Primeira e Consellería da Presidencia, Xustiza e Turismo vén de rubricar un acordo de colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade para cualificar estes corpos na intervención en casos de violencia de xénero e na prevención

O Goberno galego organizará actividades de sensibilización e tratamento da violencia de xénero tamén dirixidas ao persoal de emerxencias

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022

A Xunta formará a máis de 700 axentes das policías locais, autonómica, nacional e Garda Civil en materia de violencia de xénero, para optimizar a actuación coas vítimas, a prevención e o seguimento de casos.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería da Presidencia, Xustiza e Turismo vén de asinar un acordo coa Consellería de Emprego e Igualdade para desenvolver estas actividades, no marco das medidas previstas en Galicia para desenvolver o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), impartiranse as accións formativas dirixidas ao persoal dos corpos policiais que traballan en Galicia. Os cursos permitiranlles optimizar o seu traballo tanto nas intervencións operativas, como no ámbito da prevención e actuación coas vítimas e co funcionamento do sistema Vioxen de seguimento dos casos.

Está previsto celebrar un curso de iniciación á violencia de xénero dirixido a axentes da policía local no que tomarán parte unhas 120 persoas. No caso da formación especializada nesta lacra, participarán uns 600 axentes locais, nacionais, autonómicos e garda civís.

No mesmo conxunto de actuacións, desenvolveranse campañas de sensibilización entre as Forzas e Corpos de Seguridade e xornadas de interese xeral, de sensibilización e tratamento da violencia de xénero, dirixidas especificamente ao persoal que traballa nos servizos de emerxencia.

Estas medidas estarán financiadas con cerca de 16.000 euros con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que corresponden a Galicia.

O acordo de colaboración estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2022.

Imaxes relacionadas