Galicia recibirá 442.000 euros do CSD para impulsar o programa 'Adestra a túa saúde' que xa está en marcha en Abegondo e Arteixo

Dirixido principalmente ás persoas maiores de 60 anos, o programa pretende mellorar a calidade de vida e afondar na prevención da fraxilidade destas persoas a través do exercicio

O secretario xeral participou na Conferencia Sectorial do Deporte na que se aprobaron os criterios de distribución a pesar da existencia de diferenzas significativas entre as comunidades

Galicia creará 22 unidades de prescrición de exercicio nos diferentes municipios para atender a uns 270 usuarios
 

 Santiago, 9 de maio de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou virtualmente na tarde de hoxe na Conferencia Sectorial do Deporte convocada polo Consejo Superior de Deportes e na que se debatiu a aprobación dos criterios de reparto para os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Neste sentido, O Consello Superior de Deportes transfire 9 millóns de euros ás Comunidades Autónomas para a creación de unidades de prescrición de exercicio desde os centros de Saúde -Unidades Activas de Exercicio Físico-.

A tenor deste reparto, Galicia reibirá 442.000 euros para a posta en marcha destas unidades, sendo a oitava comunidade que máis diñeiro recibe. En total, crearanse 22 unidades de prescrición nos diferentes municipios galegos para atender a uns 270 usuarios.

Aínda que os criterios de reparto provocan diferenzas significativas entre o diñeiro que recibe cada Comunidade Autónoma, os fondos transferidos suporán un forte impulso ao programa Adestra a túa Saúde que desenvolve a Secretaría Xeral para o Deporte xunto coa Consellería de Sanidade e que xa se está desenvolver de xeito piloto nos concellos de Abegondo e Arteixo. Dirixido, principalmente, ás persoas maiores de 60 anos, sas ou con factores de risco cardiovascular padecer diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo-, Adestra a túa saúde pretende mellorar a calidade de vida e afondar na prevención da fraxilidade destas persoas, a través da práctica de exercicio.

Con esta axuda, a comunidade galega seguirá traballando na aprobación dun plan de prescrición de actividade e exercicio físico, a disposición dun sistema dixital que dea soporte ao plan de prescrición, a creación de cursos de formación específicos en programas de exercicio físico saudable para os educadores físicos e para o persoal sanitario, a creación de unidades de prescrición de exercicio, así como estimular a participación da poboación nestas unidades de prescrición.

Imaxes relacionadas