O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo unha reunión de traballo con representantes desta entidade e da asociación Acadar

A Xunta achega 150.000 euros a Cogami para poñer en marcha programas de inclusión laboral para persoas con discapacidade

Con este importe a asociación puido desenvolver iniciativas na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo un encontro esta mañá con representantes de Cogami e da Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia (Acadar), para avaliar os diferentes programas que se puxeron en marcha de apoio e transición ao emprego para persoas con discapacidade. A Xunta destinou 150.000 euros para que Cogami desenvolvera iniciativas na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo.

 

Arturo Parrado puxo en valor a importancia do traballo que realizan estas dúas entidades para promover a inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade e impedir que se encontren nunha situación de vulnerabilidade económica. Deste xeito, destacou o apoio da Xunta de Galicia tanto na atención e coidados das persoas con discapacidade, como tamén na achega de ferramentas para conseguir unha vida plena e autónoma.

 

Da contía total que achega a Administración autonómica, 100.000 euros foron concedidos a Cogami a través da orde de axudas do 0,7% do IRPF, e os 50.000 euros restantes foron ao abeiro da orde de axudas de iniciativa social para os anos 2020-2022, á que se destinaron 17,8 millóns de euros e que se puxo á disposición de 128 organizacións para os gastos de funcionamento de centros de inclusión e emerxencia, actuacións que complementen os servizos sociais básicos ou intervencións, como as que realizaron Cogami e Acadar, para a integración sociolaboral.

Imaxes relacionadas