A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións de titularidade municipal

A Xunta financia obras de mellora no centro de día municipal de Porto do Son cun investimento de 47.000 euros

O Goberno galego e o Concello de Porto do Son asinaron un convenio de colabora-ción para levar a cabo esta actuación

En concreto, reestruturouse a cociña e o comedor do centro, pintáronse as paredes interiores, mellorouse o estado do tellado e colocouse unha marquesiña na entrada das instalacións

Porto do Son (A Coruña), 9 de maio de 2022.-

A Xunta financiou obras de mellora no centro de día municipal de Porto do Son cun investimento de 47.000 euros. A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións, onde sinalou que esta actuación é froito da colaboración institucional entre o Goberno galego e o Concello de Porto do Son para facer fronte aos gastos derivados da atención a maiores.

 

A conselleira en funcións concretou que entre as actuacións realizadas neste centro atópase a reestruturación da cociña e o comedor, a pintura das paredes interiores, melloras no tellado ou a colocación dunha marquesiña na entrada das instalacións. A través dun convenio de colaboración asinado entre estas dúas institucións, os seus máis de 30 usuarios poderán recibir unha atención de maior calidade.

 

Fabiola García lembrou que o obxectivo do Goberno galego é poñer facilidades para que as persoas maiores poidan vivir esta etapa vital onde e como prefiran sen preocuparse por estar ben atendidos. Neste sentido, sinalou que os centros de día permiten ofrecer unha atención diúrna profesional ao tempo que as persoas maiores poden seguir residindo no seu lugar de sempre.

Imaxes relacionadas