A UIFO pon a disposición xudicial o presunto autor reincidente de preto de 20 lumes na comarca pontevedresa do Condado

O labor da Unidade de Investigación de Incendios Forestais fixo posible deter a actividade incendiaria desta persoa, que supostamente foi a causante de 12 incendios neste ano e doutros sete no 2020

Todos os incendios localizáronse nas proximidades do barrio de San Andrés, no concello de Salvaterra de Miño, e a rápida e eficaz intervención dos medios de extinción permitiu limitar a superficie afectada e protexer as vivendas próximas

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022.- O labor da Unidade de Investigación de Incendios forestais (UIFO) fixo posible a posta a disposición xudicial dun veciño do barrio de San Andrés, na parroquia de Uma, do concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, como presunto autor de 12 incendios.

 

Destes lumes, dez tiveron a consideración de incendios forestais e os dous restantes rexistráronse en terreo agrícola, tanto neste municipio como no lindeiro de Ponteareas, na parroquia de Guillade. Os incendios rexistráronse entre os días 22 de xaneiro e 19 de abril de 2022 e en todos eles a causa foi intencionada, segundo puideron constatar os axentes da UIFO. A súa investigación, coa colaboración do persoal do distrito XVII (O Condado-Paradanta) acadou as probas suficientes para a identificación e posta a disposición xudicial do presunto responsable destes incendios. A persoa identificada foi posta a disposición do Xulgado nº 2, de 1ª Instancia e Instrución de Ponteareas.

 

Todos os incendios localizáronse nas proximidades do barrio de San Andrés e a rápida e eficaz actuación dos medios de extinción do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) permitiu que a superficie total afectada non superara as 3,43 hectáreas, a maioría delas de monte arborado. Ademais, impediron que se vise afectada algunha vivenda, malia que en varios dos incendios o lume chegou a estar a menos de 50 metros das casas. Os gastos de extinción destes 12 incendios ascenderon a 12.820,97 euros.

Ademais, dáse a circunstancia de que esta persoa é reincidente. Así, as investigacións por incendios forestais realizadas polos axentes ambientais do distrito XVII remóntanse ao 2020, ano no que este mesmo individuo foi posto a disposición xudicial, nun xulgado de Ponteareas, pola presunta autoría de sete incendios forestais, ocorridos, tamén nesa ocasión , na mesmas parroquias de Uma (Salvaterra de Miño) e Guillade (Ponteareas).

Departamento:
C. do Medio Rural