O DOG publica tamén hoxe a aprobación da información pública desta actuación de mellora da seguridade e da mobilidade peonil, que suporá un investimento de máis de 150.000 €

A Xunta aproba o proxecto de construción dun treito de senda peonil e ciclista na estrada AC-552 entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo

Trátase de habilitar un tránsito peonil seguro nun treito desta vía autonómica, que coincide cunha intersección, reformulando ese cruce para maior seguridade viaria e habilitando o espazo para o encaixe da senda

Esta actuación forma parte dunha intervención máis ampla de mellora da mobilidade peonil na contorna, que xa conta en sentido Arteixo cun camiño para peóns paralelo á vía, e con beiravía protexida que será obxecto dunha actuación de mellora posterior

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o proxecto de construción da senda peonil e ciclista na estrada AC-552 entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo.

 

Trátase da redefinición dun treito de senda e que posibilitará a circulación a pé ao longo dun treito desta vía autonómica, que prevé a execución dun itinerario peonil continuo, o reforzo do firme da vía existente e actuacións de seguridade viaria.

 

O orzamento estimado pola Xunta para levar a cabo esta actuación supera os 150.000 euros.

 

O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/38cwT9T .

 

O obxectivo deste proxecto é desenvolver un itinerario nesta vía autonómica, nun treito que coincide cunha intersección, reformulando a propia intersección para maior seguridade viaria, e habilitando o espazo para o encaixe da senda.

 

Esta actuación forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil entre Pastoriza e Vilarrodís. Así, este itinerario xa conta en sentido Arteixo cun camiño paralelo á estrada, que a día de hoxe xa poden percorrer os peóns; e en sentido Pastoriza cunha beiravía protexida con balizas que será obxecto dunha actuación posterior de mellora.

 

A primeira actuación comeza na travesía da Maceira, desde o punto quilométrico 5+280 ata o 5+330, onde se prevé executar unha senda de formigón de 2 metros de ancho, que irá separada do carril de vehículos mediante bordo. Para contar co espazo necesario para a senda, o vial actual ampliarase cara ao noiro existente na marxe dereita da AC-552, grazas a un novo muro de mamposteria.

 

A segunda intervención recollida no proxecto céntrase no camiño existente no punto quilométrico 5+330 ata o 5+370, dando continuidade á sección anterior sobre un camiño actual de terra.

 

A terceira actuación ocúpase do tramo da vía autonómica que vai do punto quilométrico 5+370 ata o 5+410, dándolle continuidade ao itinerario peonil proxectado. Este treito disporá dun ancho mínimo de 2 metros, que se ampliará ata os 3,5 metros para enlazar co itinerario proxectado cara a Pastoriza.

 

Tamén está prevista a execución dun carril de aceleración desde o punto quilométrico 5+370, para a correcta incorporación á estrada AC-552, separado da senda peonil mediante unha barreira de formigón.