A delegada territorial da Xunta visitou esta mañá na praza de España o autobús da empresa de Clece

Martina Aneiros destaca o impulso á empregabilidade que suporá o programa ruta Galicia Emplea que hoxe arranca en Ferrol

Trátase dunha oficina de emprego itinerante que percorrerá diversas cidades galegas para ofertar 280 postos de traballo

A cidade naval é a primeira parada desta iniciativa que viaxará ata o día 18 a Oleiros, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense, dando cobertura a 75 localidades

Ferrol, 9 de maio de 2022.- A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do delegado de Clece en Galicia, Alberto Domínguez, visitou hoxe o autobús itinerante da empresa no arranque do programa Ruta Galicia Emplea coa que a firma percorrerá diferentes cidades galegas para ofertar 280 postos de traballo.

 

O autobús adaptado, situado na praza de España, acolle durante esta xornada a celebración das primeiras entrevistas aos candidatos que optarán a postos de traballo vinculados ao sector dos servizos e da limpeza como son, entre outros, auxiliares de enfermaría, enfermeiros, cociñeiros, limpiadores ou psicólogos.

 

“A iniciativa pretende reforzar a presencia dos servizos esencias en toda Galicia, polo que será un impulso a empregabilidade e ao ámbito social”, sinalou a delegada do Goberno autonómico durante a visita, quen valorou especialmente que a firma elixira a cidade naval para o arranque da ruta. Aneiros apelou á sinerxía público-privada na procura dun mercado laboral con máis oportunidades e puxo en valor o traballo que desenvolve Clece en Galicia dende o ano 1992. “Trátase dunha firma coa que a Xunta colabora para impulsar a contratación de mulleres, persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social”, lembrou.

 

Ademais de Ferrol, este servizo recalará nos próximos días -ata o 18 de maio- en Oleiros, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense, dando cobertura a 75 localidades como se se tratara dunha oficina itinerante de emprego. En total, realizaranse 500 entrevistas de traballo.

 

Para participar no proxecto, é preciso anotarse previamente na páxina web www.galiciaemplea.es ou chamar ao teléfono 900 805 617. Deste modo, os candidatos serán citados para asistir á entrevista de traballo.

Imaxes relacionadas