A AGASP contará cun novo pavillón deportivo para as prácticas dos alumnos da academia e os entrenamentos das Federacións Deportivas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou esta mañá os avances dos traballos na nova pista polideportiva cuberta, que xa están na súa fase final, coa previsión de que rematen este mes

Os alumnos da 14ª promoción de Policía Local serían dos primeiros en estrear as novas instalacións para as súas clases de Educación Física

A Estrada (Pontevedra), 9 de maio de 2022.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou esta mañá os traballos de construción dun pavillón deportivo na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) que avanzan a bo ritmo e xa están na súa recta final. De feito, prevese que os 123 alumnos da promoción de Policía Local da Academia que se están a formar desde finais de abril sexan os primeiros en estrear as novas instalacións para as súas clases de Educación Física e tamén para realizar deporte fóra do horario lectivo.

Tamén poderán ser usuarios da nova pista polideportiva cuberta os efectivos das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias que melloran a súa formación na Academia para levar a cabo o seu traballo diario con eficacia a través dos distintos cursos dos plans de formación continua da AGASP. En concreto, os participantes nos cursos con parte práctica para os que precisamente se require un espazo cuberto como, por exemplo, os de intervención ou operativa policial.

Ademais, no marco do convenio asinado en 2018 coa Secretaría Xeral para o Deporte, a Xunta pon á disposición das federacións deportivas galegas as instalacións da AGASP para levar a cabo as concentracións das seleccións galegas deportivas ou para facer labores de tecnificación e seguimento de deportistas de categorías base ou de formación. No marco deste acordo, ademais de facer uso da residencia, cando remate esta obra os distintos equipos federados poderán realizar as súas concentracións sen saír do recinto da Academia para entrenar. 

A Secretaría Xeral para o Deporte tamén colabora no financiamento das obras deste novo pavillón deportivo, situado na zona suroeste da AGASP, a carón do edificio destinado a prácticas de tiro.

A AGASP está considerado centro de referencia estatal na formación das forzas e corpos de seguridade e dos efectivos dos servizos de emerxencias que se preparan no recinto e as súas instalacións cumpren con todas as condicións necesarias para prestar un servizo de calidade a estes profesionais e aos deportistas galegos.

A Academia conta cun recinto pechado de máis de 180.000 metros cadrados de superficie no que se sitúa a edificación principal, de 12.000 metros cadrados. Entre as súas instalacións destacan unha residencia, diferentes tipos de aulas, laboratorios, salas de estudo, conferencias e de xuntas, un salón de actos, unha biblioteca, áreas de esparexemento,  cafetería e restaurante. O novo pavillón complementará as demais instalacións deportivas da Academia como o ximnasio, a piscina ou o campo de tiro.

Imaxes relacionadas