Galicia Escena Pro, o mercado de artes escénicas promovido pola Xunta, difundirá 30 espectáculos galegos do 6 ao 9 de xuño en Santiago de Compostela

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación profesional Escena Galega comparten a organización da novena edición

Serán 17 as compañías que realizarán funcións completas das súas últimas montaxes e outras 12 levarán a cabo presentacións ‘pitching’

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2022.- Galicia Escena PRO, o mercado de artes escénicas promovido pola Xunta, configurou a carteleira de 30 espectáculos galegos que se exhibirán ou se presentarán na súa vindeira novena edición co obxectivo de incentivar as contratacións por parte dos responsables de programacións culturais, circuítos e festivais acreditados ao evento.

 

A partir da convocatoria aberta á que concorreron preto de 80 propostas, unha comisión de selección nomeada por Escena Galega, asociación profesional de compañías que comparte a organización do evento xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade fixo pública a súa escolma de 18 títulos que levarán a cabo funcións en formato completo, así como os 12 proxectos que ocuparán as presentacións rápidas tipo pitching.

 

Para a primeira das modalidades resultou unha selección compensada entre teatro de adultos, infantil, danza, circo e maxia, cunha destacada participación de compañías de recente creación xunto a outras de máis longa traxectoria, e con moita presenza de producións que abordan temas de actualidade social.

Varios escenarios e zona profesional

O Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca e outras localizacións ao aire libre serán os escenarios que acollerán as funcións entre o 6 e o 9 de xuño. A Zona PRO, que quedará instalada no Centro Sociocultural Abanca, será un ano máis o epicentro de encontro interprofesional e de negocio organizado xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais.

 

O público xeral tamén poderá gozar finalmente este ano dos espectáculos, para o que se disporá dun número prefixado de butacas en cada función. Así, as producións e compañías que protagonizarán os pases completos de Galicia Escena PRO son A Familia Real, de Aporía Escénica e Olivas Negras; A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro; Amantis, de Rebordelos; Cantas patas para un banco?, de Cía. iO; Comando Comadres, de Matrioshka Teatro; Come and Go, de Helena Salgueiro; Desconexión, de Títeres Alakrán; Divertimentos, de N+1 & Cuarteto Alicerce; Festina Lente, de VACAburra; Hugo, de Os Náufragos Teatro; Intempestiva, de Elahood; O deus do pop, de Diego Anido; O Péndulo, de Inversa Teatro; Onde pousa a humidade; de Marcia Vázquez; Ragazzo, de Barrosanta; Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro; TABÚ, de Colectivo Glovo, e Vértigo, de Pistacatro Produtora de Soños.

Imaxes relacionadas