A Xunta remata as actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego de Conces ao seu paso polos concellos de Neda e de Fene
Estes traballos realizáronse ao seu paso por distintos lugares das parroquias de Santa María de Neda e de San Salvador de Fene
Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do rego de Conces, nos concellos de Neda e de Fene.
Os traballos, iniciados a mediados do pasado mes de abril, desenvolvéronse ao seu paso por distintos lugares das parroquias de Santa María de Neda e de San Salvador de Fene.
Estas tarefas enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.
Os traballos centráronse na roza selectiva e retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o rego queda despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.
Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.