A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora da accesibilidade e da seguridade peonil na estrada autonómica PO-329, no concello do Porriño

Este contrato, que suporá un investimento autonómico de máis de 18.000 euros, conta cun prazo de execución de 8 meses

Definiranse as obras de acondicionamento das beirarrúas no treito coincidente coas rúas avenida Buenos Aires e Progreso, dando continuidade á renovación e ampliación do espazo para o tránsito peonil executada recentemente no treito inicial desta vía

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2022.- A Xunta adxudicou a redacción do proxecto de mellora da accesibilidade e seguridade peonil na estrada PO-329, no concello do Porriño.

 

O contrato, adxudicado á empresa Urbing, Proyectos de Urbanismo e Ingeniería Civil, S.L., por un importe de máis de 18.000 euros, conta cun prazo de execución de 8 meses.

 

Trátase de definir as actuacións necesarias para o acondicionamento das beirarrúas do treito da vía autonómica, que se corresponde coas rúas avenida Buenos Aires e Progreso, e que na actualidade dispoñen de sección insuficiente e se atopan deterioradas polo paso do tempo.

 

Máis en concreto, esta nova actuación na PO-329 desenvolverase entre o inicio no límite do termo municipal de Mos, no punto quilométrico 0+160, ata o final da estrada, no punto 0+850.

 

Deste xeito, darase continuidade ás obras de acondicionamento realizadas recentemente pola Xunta, no treito inicial da estrada, entre o 0+000 e o 0+160, renovando as beirarrúas e ampliando o espazo para tránsito peonil.

 

Na actuación proxectada incluirase, tamén, a rehabilitación do firme e a sinalización no treito obxecto desta nova intervención.

 

O departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.