A Xunta apoia as rondallas de Ferrol como exemplo de éxito na promoción do destino a través da tradición

A directora de Turismo, Nava Castro, foi nomeada nesta edición Madriña Honorífica

Trátase dunha celebración que se remonta ao século XIX como forma de honrar a música folclórica e as mulleres da cidade

Ferrol, 7 de maio de 2022.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na iniciativa Pasarrúas de Rondas “Cidade de Ferrol” que reuniu durante dúas xornadas a preto de 250 rondallistas para apoiar a iniciativa impulsada para que a Festa das Pepitas sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional.

Nava Castro, que foi nomeada madriña honorífica da celebración, destacou durante a súa participación o apoio que o Goberno galego ofrece ás festas locais como elementos tractores do turismo nos diferentes concellos e exemplo da promoción dun destino diverso e amplo como é o galego. Así mesmo, felicitou aos organizadores desta celebración e indicou que esta festa é unha forma de “conservar o patrimonio da súa cidade, as súas costumes e por suposto, as celebracións coma esta”.

Na iniciativa para darlle visibilidade á celebración participan cinco rondallas que pasarán polas rúas principais de Ferrol.

Declarada como de interese turístico de Galicia desde 2013, as Pepitas de Ferrol é unha celebración centenaria con forte enraizamento no corazón da cidade ferrolá que fai homenaxe á música folclórica e ás mulleres da cidade.

Durante a celebración son numerosas as agrupacións musicais da cidade e da súa comarca que participan na celebración que conta con danzas e habaneras soando a través dos seus laúdes, mandolinas e bandurras percorrendo os diferentes barrios da cidade e invitando a participar a todos os viandantes cos que se atopan.