A Xunta promocionará a semana que vén en Fenavin os viños das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas galegas xunto coas augardentes e licores tradicionais

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participará nesta feira de referencia do viño español, que se desenvolverá en Ciudad Real do 10 ao 12 de maio e na que estarán representadas máis de medio cento de adegas galegas

O espazo reservado á nosa comunidade -de 320 m²- constará de 42 postos nos que as IXP vinícolas acudirán como novidade e haberá un túnel do viño onde terán cabida as marcas premiadas nas Catas de Galicia 2021
 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2022

A Xunta promocionará as cinco denominacións de orixe e as catro indicacións xeográficas protexidas dos viños galegos, así como as indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais, na XI Feira Nacional do Viño (Fenavin) que terá lugar en Ciudad Real entre os días 10 e 12 de maio. Considerado o evento de referencia do viño español, contará coa presenza do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

 

En concreto, o espazo reservado á nosa comunidade disporá dunha superficie de 320 m² ao longo da que se distribuirán un total de 42 postos, nos que estarán representadas máis de medio cento de bodegas. Así, como xa ocorreu ata a edición de 2019, en Fenavin promocionaranse as denominacións vinícolas Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, así como as indicacións de Licor Café, Licor de Herbas, Augardente e Augardente de Herbas. Mentres, estrearanse no evento as indicacións xeográficas protexidas do viño Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Val do Miño-Ourense, nun posto no que estarán presentes un total de sete adegas. Así mesmo, haberá un espazo específico para os consellos reguladores.

 

A maiores, cabe engadir que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria despregará en Fenavin o túnel do viño, para que os visitantes poidan coñecer e degustar as marcas premiadas nas Catas Oficiais de Viños e Augardentes de Galicia de 2021.

 

Fenavin

A Feira Nacional do Viño chega á súa edición número 11 servindo de importante impulso para o sector vinícola. O obxectivo é que as adegas participantes consoliden e amplíen o seu mercado cunha capacidade de negocio contrastada.

 

En Fenavin 2019 estiveron presentes un total de 1.946 bodegas e cooperativas expositoras procedentes de todo o territorio nacional. Cabe engadir que a feira presenta un completo programa de actividades e unha galería do viño onde se poderán degustar 1.400 produtos nun espazo de 1.000 metros cadrados. Os expositores contan ademais cun programa de contactos con compradores profesionais que lles permite axilizar a súa axenda durante os días de feira.

Departamento:
C. do Medio Rural