A Xunta reclama ao Goberno central claridade e concreción sobre o Bono Alugueiro mozo e o Plan estatal de vivenda

O Executivo galego non recibiu aínda os fondos comprometidos para poder convocar o programa de axudas para a mocidade nin respondeu ás aclaracións solicitadas sobre cuestións relativas aos criterios interpretativos para a súa aplicación

Respecto do Plan de vivenda, está pendente a modificación do Real Decreto por parte do Goberno, así como a sinatura do convenio de colaboración e a transferencia do orzamento que achega o Ministerio, xa que a Xunta cofinancia o 30%

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia reclamou de novo ao Goberno central claridade e concreción sobre o Bono alugueiro mozo e o Plan estatal de vivenda 2022-2025 durante a reunión bilateral mantida esta semana entre o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, e os representantes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

 

Unha vez máis, a Xunta instou a que se respondan as cuestións relacionadas con criterios interpretativos para a aplicación do Bono que se formularon nos últimos meses e que non foron contestadas polo Ministerio. A resolución destas dúbidas é fundamental de cara á convocatoria destas axudas por parte do Goberno galego.

 

Polo momento, a convocatoria do Bono alugueiro mozo non se pode publicar no Diario Oficial de Galicia porque o Goberno central aínda non transferiu os fondos necesarios para facelo, a pesar das declaracións públicas por parte de representantes estatais de que as comunidades autónomas xa podían proceder a convocalo. Ata o de agora, sen embargo, ningunha comunidade deu aínda este paso.

 

Por outra parte, a Xunta, igual que outros gobernos autonómicos, solicitou ao Ministerio cambios no Real Decreto que regula o Bono, xa que coa redacción inicial do mesmo quedan excluídos da axuda moitos menores de 35 anos polo simple feito de compartir vivenda con persoas que, non formando parte da súa familia ou unidade de convivencia, non cumpren os requisitos para acceder ás axudas.

 

A demanda da Xunta propuña, no caso de vivendas compartidas por persoas sen máis vínculo que residir no mesmo inmoble, que o tratamento dos datos e os requisitos fosen individualizados, da mesma maneira que as axudas que se conceden nestes casos van dirixidas a cada persoa en particular e non ao conxunto das que comparten a vivenda. Esta demanda, igual que o resto de cuestións trasladadas desde Galicia, non foi respondida ata o de agora polo Ministerio.

 

No caso de que non se modifique este apartado do Real Decreto, a Xunta de Galicia buscará a maneira de minimizar o impacto do mesmo sobre as persoas afectadas por unha decisión incomprensible.

 
Modificación do Real Decreto do Plan estatal de vivenda

Polo que respecta ao Plan estatal de vivenda 2022-2025, os representantes do Goberno central comunicaron que está moi avanzada a modificación do Real Decreto que o regula para corrixir un erro que foi repetidas veces comunicado polas comunidades ao Ministerio antes da aprobación do documento, sen que as demandas autonómicas fosen atendidas.

 

Tal e como traslada Heriberto García, o Executivo central teimou en manter a redacción orixinal no plan, que agora se ve obrigado a modificar despois da súa aprobación.

 

A modificación do Real Decreto está relacionado coas liñas de axudas destinadas a colectivos vulnerables que xa tiñan implantadas algunhas comunidades autónomas, entre elas Galicia, e que se repiten no Plan de vivenda. Coa redacción actual, é requisito imprescindible que a primeira axuda que se convoque sexa a destinada a estas colectivos, e só despois se poderán convocar o resto de liñas previstas.

 

Este cambio permitirá que as comunidades que xa dispoñen de liñas propias de axudas destinadas aos colectivos vulnerables as manteñan —que pasarán a cofinanciarse cos fondos do Plan estatal destinados ao mesmo fin—, o que facultará para a convocatoria do resto de liñas de axudas.

 

En calquera caso, a Xunta non poderá proceder a convocar os programas do Plan de vivenda 2022-2025 mentres non se asine o correspondente convenio entre o IGVS e o Ministerio, nin ata que o organismo estatal transfira os fondos que lle corresponden a Galicia, posto que a Xunta cofinancia un 30% do referido plan con fondos propios.

Imaxes relacionadas