A conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa reuníronse para analizar os plans do Goberno local en materia de solo empresarial

A Xunta contrata un estudo de viabilidade sobre a ampliación do polígono industrial de Santa Comba

Ángeles Vázquez trasládalle á rexedora que a Consellería encargou en abril os traballos de redacción correspondentes co obxectivo de poder ter listo o documento este ano

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia acaba de contratar un estudo preliminar co obxectivo de analizar a viabilidade da ampliación do polígono industrial de Santa Comba, unha proposta do Goberno municipal.

 

Este foi un dos asuntos da reunión que mantiveron hai uns días a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a rexedora, María Pose, para abordar diferentes temas de interese municipal no eido das súas competencias.

 

En concreto e con relación ao proxecto para ampliar o actual parque empresarial, a responsable autonómica trasladoulle que o mes pasado a Consellería, a través de Xestur, encargou o contrato para a redacción do referido estudo, que servirá para analizar a necesidade, ou non, de reforzar os sistemas xerais existentes para dar servizo á ampliación e estimar á vez o seu custo.

 

Os traballos desenvolveranse ao longo dos vindeiros meses co obxectivo de dispoñer dun documento que permita determinar a viabilidade da proposta municipal antes de que remate este ano.

 

O departamento autonómico, tal e como subliñou Ángeles Vázquez, cumpre así co seu compromiso de colaborar co Goberno local nos traballos técnicos necesarios para valorar a posible ampliación da área empresarial que propón o Concello.

 

Cómpre lembrar que o polígono de Santa Comba foi promovido no seu día pola Xunta, cun investimento de 2,56 millóns de euros. Entrou en servizo no ano 2005 e na actualidade todas as parcelas existentes están xa vendidas, motivo polo que o Executivo municipal quere promover agora unha ampliación aproveitando terreos contiguos ao actual parque para poñer á disposición das empresas solo industrial con todos os servizos.

Imaxes relacionadas