Máis de 2.500 maiores beneficiáronse dos servizos que ofrece o programa Coidados Porta a Porta no seu primeiro mes de funcionamento

O servizo máis demandado é o de podoloxía, con 943 consultas, seguido do de audioloxía, con 923, e o de estimulación da memoria, con 644

Oito autobuses despregados pola Xunta de Galicia percorreron xa máis de corenta concellos das catro provincias para ofrecer atención ás persoas maiores

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2022

Máis de 2.500 persoas maiores beneficiáronse neste primeiro mes de funcionamento do programa Coidados Porta a Porta, posto en marcha pola Consellería de Política Social a principios de abril. Os oito autobuses que están a percorrer todos os concellos de Galicia, agás as sete cidades, ofrecen no seu interior servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores de 55 de anos que o soliciten.

O servizo máis demandado ata o de agora foi o de podoloxía, que permite previr, diagnosticar e tratar as principais patoloxías dos pés, con 943 consultas; seguido moi de preto do de audioloxía, que ofrece revisións e valoracións auditivas, con 923 persoas atendidas; e o de estimulación da memoria, que inclúe a realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, con 644.

Máis de corenta concellos

Son máis de corenta os municipios que teñen visitado as unidades móbiles habilitadas pola Xunta de Galicia, dez en cada unha das catro provincias, para levar estes servizos aos veciños de xeito completamente gratuíto. Así, ao longo destas últimas semanas os autocares visitaron os municipios coruñeses de Cambre, Bergondo, Carral, Culleredo, Miño, Pontedeume, Oleiros, Sada, Abegondo e Mesía; os lucenses de Ourol, Xove, Valadouro, O Vicedo, Alfoz, Mondoñedo, Viveiro, Burela, Muras e Cervo; os pontevedreses de Baiona, Tomiño, Nigrán, O Rosal, Tui, Salceda de Caselas, A Guarda, Salvaterra de Miño, Oia e Gondomar; e os ourensáns de San Amaro, Melón Cenlle, Beade, Castrelo de Miño, Arnoia, Punxín, Cartelle, Toén e Barbadás, onde permaneceron entre dous e tres días para prestar servizo a todos os veciños que o pedisen.

Nos vindeiros días as unidades móbiles impulsadas polo Goberno galego e xestionadas pola Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo (Afalu), viaxarán aos concellos Allariz, Arbo, Barreiros, O Porriño, Oza-Cesuras, Paderne, Ramirás, Trabada, Celanova, Coirós, Mos e Ribadeo.

Dez millóns de euros

A Xunta de Galicia investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa pioneira, que permitirá achegar a todos os galegos revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de xeito gratuíto.

Imaxes relacionadas