Feijóo enxalza o labor da Bienal de Cartelismo Terras Gauda para situar Galicia á vangarda das artes internacionais e impulsar a imaxe da comunidade no exterior

Destaca a traxectoria deste certame, que permite que artistas de todo o mundo dean a coñecer os seus traballos, durante os máis de 30 días que estas obras se exhiben na Estación Marítima de Vigo

Vigo, 6 de maio de 2022

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o labor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón para situar Galicia á vangarda das artes internacionais e impulsar a imaxe de Galicia no exterior.

 

Durante a entrega de premios, Feijóo destacou a traxectoria deste certame, que permite que artistas de todo o mundo dean a coñecer os seus traballos, durante os máis de 30 días que estas obras se exhiben na Estación Marítima de Vigo. Ademais de promocionar un dos produtos marca de identidade de Galicia como é o viño e contribuír a consolidar a comunidade como un destino do etnoturismo.

 

“Arte, cultura do viño e creatividade maridan á perfección”, dixo, incidindo en que o sector vitivinícola, ademais de ser clave para a economía da nosa terra, forma parte da nosa cultura, cunha historia e unhas técnicas que pasan de xeración en xeración, acrecentando o valor dos viños.

 

Feijóo aproveitou a súa intervención para facer fincapé no éxito de convocatoria que nestes quince anos leva acadado este certame de cartelismo, como proba o feito de que nesta edición se superasen as 1.200 obras presentadas, de artistas procedentes de 64 países.

 

O presidente da Xunta en funcións concluíu felicitando aos premiados e tamén ao Grupo Terras Gauda pola súa aposta pola investigación e a innovación, que fan posible que a Comunidade conte cuns viños excelentes que levan a marca Galicia por todo o mundo.

Imaxes relacionadas