Ángeles Vázquez subliña que os axentes inmobiliarios serán unha “peza clave” para aproveitar este ano a oportunidade única que ofrecen as axudas de vivenda

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, animou hoxe aos axentes inmobiliarios a seguir colaborando coa Xunta en materia residencial e subliñou que están chamados a ser unha “peza clave” para que Galicia aproveite ao máximo a oportunidade única que ofrecen a trintena de axudas previstas neste eido en 2022.

 

Durante a súa intervención na clausura do III Congreso inmobiliario de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin) en Santiago de Compostela, a responsable autonómica lembrou que esa cooperación estreita entre a Xunta e os profesionais do sector reflíctese desde hai tempo no traballo que realizan como parte do Observatorio da vivenda de Galicia, organismo para o intercambio de ideas e experiencias, e máis recentemente no Pacto social pola vivenda 2021-2025, a folla de ruta a seguir a medio prazo nesta materia.

 

Tras lembrar que máis do 80% das medidas incluídas no pacto están xa en execución, Ángeles Vázquez subliñou que o obxectivo é seguir poñendo en marcha outras novas, entre elas, o programa para a mobilización de vivendas baleiras destinadas ao alugueiro, que prevé incentivos tanto para os propietarios como para as persoas arrendatarias.

 

Neste sentido, explicou que a Xunta se apoiará nos axentes e nas axencias inmobiliarias galegas que decidan adherirse voluntariamente a esta iniciativa para localizar vivendas desocupadas e susceptibles de incorporarse ao mercado en réxime de alugueiro. “Continuaremos construíndo fogar, apoiándonos sempre nos que máis saben: os profesionais do sector”, asegurou.

 

Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participou durante a mañá nunha mesa redonda sobre a posible regulación en Galicia dun rexistro de axentes inmobiliarios que achegue “transparencia e claridade” ao sector, un obxectivo para o que comprometeu a colaboración e o traballo da Xunta.

Imaxes relacionadas