A Xunta define as Agrupacións de Voluntarios como piar fundamental na atención ás situacións de emerxencia na comunidade

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no acto de entrega de medallas e condecoracións da Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (ANAV)

Entre os galardoados, ademais das medallas que recoñecen a antigüidade e o traballo de distintas agrupacións, a Consellería de Sanidade recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito e os Centros de Coordinación de Salvamento Marítimo da Coruña, Vigo e Fisterra a Cruz de Ouro de Servizos Distinguidos

A Estrada (Pontevedra), 7 de maio de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, puxo en valor hoxe o papel das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), ás que definiu como un piar clave na rede dos servizos de emerxencias da comunidade ofrecendo un apoio imprescindible nas tarefas de prevención e nas intervencións ante calquera incidencia.

Así o destacou no acto de entrega das medallas e condecoracións da Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (ANAV), ao que tamén asistiu o xerente do Sergas, José Flores Arias, para recoller a Medalla de Ouro ao Mérito concedida á Consellería de Sanidade.

Na súa intervención, o xerente do Sergas agradeceu o labor que desenvolve o persoal de Protección Civil en todo tipo actuacións, xa sexan de emerxencias, humanitarias ou de apoio a institucións e cidadáns, destacando o seu importante apoio e colaboración nos dispositivos da campaña da vacinación contra a covid nos recintos empregados como puntos de vacinación masiva.

Entre as condecoracións tamén destacan a Cruz de Servizos Distinguidos na súa categoría de Ouro aos Centros de Coordinación de Salvamento Marítimo de A Coruña, Vigo e Fisterra pola súa colaboración con distintas agrupacións de Protección Civil. Ademais, entregáronse as Medallas ao Mérito e o Recoñecemento da Antigüidade aos voluntarios con 5, 10, 15, 20, 25 e 30 anos de servizo, así como outros distintivos como a Gran Cruz da Constancia, as Medallas do Prestige e as Medallas Covid-19.

Santiago Villanueva sinalou o traballo tan fundamental que prestan as máis de 200 AVPC da comunidade co seu traballo altruísta e desinteresado para velar pola seguridade dos cidadáns. Por iso, a Xunta apoia a súa actividade cun destacado investimento para colaborar no seu financiamento e que conten cos medios necesarios para levar a cabo as súas funcións. Só a través da última orde de axudas para equipamento o Goberno galego cedeu 26 tendas de campaña para emerxencias, 19 vehículos tipo pick-up, 6 remolques de emerxencias e 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve para as actuacións en concellos máis afectados polas nevaradas. Tamén 190 entidades foron beneficiarias da convocatoria deste ano das axudas destinadas a cubrir os gastos de funcionamento destas agrupacións.

Xunto con estas axudas, a Xunta contribúe ademais á formación dos voluntarios desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), que hoxe acolleu o acto, tanto co curso básico para que poidan obter os seus carnés de voluntarios como cos distintos módulos do plan de formación continua destinados aos servizos de emerxencias e as forzas e corpos de seguridade co obxectivo de contar de efectivos ben preparados e formados para prestar un servizo eficiente á cidadanía.