Garcia Comesaña visita as obras de reforma do servizo de farmacia do Clínico coas que se acadará unha atención máis eficiente

O Executivo galego destinará 3 millóns de euros á mellora das infraestruturas deste servizo e a adquisición de equipamento de última xeración e que estará en funcionamento este verán

A obra permitirá crear circuítos diferentes para cada un dos fluxos de produción como materiais para fabricación, medicamentos elaborados, persoal e residuos

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.- O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá as obras de reforma do servizo de Farmacia do Hospital Clínico Universitario de Santiago, coas que se acadará unha atención máis eficiente e que estará en funcionamento este verán.

Acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela-Barbanza, Eloína Núñez Masid; a directora de Recursos Económicos, María José López Rebollo, e persoal do servizo de Farmacia, o titular de Sanidade coñeceu os avances dunha remodelación na que a Xunta de Galicia investirá 3 millóns de euros.

Nomeadamente, o Executivo galego destinará 1,5 millóns de euros á remodelación de máis de 700 metros cadrados de hospital compostelá. Así, este investimento permitirá que se converta no centro galego cunha área de elaboración de medicamentos máis extensa, no que se integren almacén propio, 4 salas con equipamento de vangarda e vestiarios específicos.

A Xunta destinará ademais 1,5 millóns de euros á dotación de equipos tecnolóxicos para optimizar esta área do complexo hospitalario santiagués. Entre estes equipos, destaca a adquisición dun robot, único en Galicia, destinado á preparación de medicamentos para o tratamento do cancro.

A obra permitirá crear circuítos diferentes para cada un dos fluxos de produción como produtos para fabricación, medicamentos elaborados, persoal e residuos. Estes circuítos evitarán posibles contaminacións, mantendo o criterio axeitado da cadea de presións, ben sexa para a fabricación de produtos estériles ou para o procesamento de produtos víricos, citotóxicos ou bioperigosos.

Por outra banda, tamén se están a levar a cabo obras no edificio de Consultas Externas para acoller un robot totalmente automatizado para levar a cabo a dispensación de medicamentos, que permitirá unha maior eficiencia no almacenamento, e optimizará a atención aos pacientes ambulatorios.

Ademais, nunha segunda fase e noutro espazo, o servizo de Farmacia Hospitalaria do CHUS disporá dun almacén totalmente automatizado, cun carrusel horizontal de 4 liñas -unha delas refrixerada-, que o converterá no almacén robotizado de farmacia máis grande da comunidade.

Así pois grazas a estas actuacións a farmacia do CHUS avanzará na automatización de tres áreas: na de elaboración de medicamentos oncolóxicos, na de almacenaxe xeral e na de medicamentos para doentes ambulatorios.

Ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela

Ademais da reforma do servizo de Farmacia do Hospital Clínico, a Xunta de Galicia tamén vén de aprobar un investimento de 70 millóns de euros para aumentar a superficie do CHUS en case un 30%.

Estas obras terán unha incidencia directa en áreas como a de laboratorio de microbioloxía e inmunoloxía, a área de endoscopias, unidade de mama, unidade de hospitalización psiquiátrica e hospital de día e ampliación das urxencias xerais e pediátricas, ademais de incorporar un novo bloque cirúrxico con sete novos quirófanos, e a construción dun heliporto.

Así mesmo, na actualidade estase a levar cabo a reforma da UCI, unha intervención que conta cun investimento de máis dun millón de euros, e cuxa execución esta a piques de concluír.

A estas actuacións engádense as xa realizadas con anterioridade, como foron a ampliación das urxencias en 800 m2, e que contou cun investimento de 1,65 millóns de euros; ou a creación dunha nova unidade de ictus que comezou a funcionar en xullo de 2021, e que contou cun orzamento de 450.000 € para obra e equipamento.

A intención da Xunta é que ampliación do CHUS se complemente con outras dúas actuacións que afectarán de xeito directo a este hospital. Por unha banda, a creación dun Centro de Protonterapia, nun novo edificio de arredor de 4.000 m2; e pola outra, un novo edificio de investigación que permitiría levar fora do hospital as instalacións do Instituto de Investigación Sanitaria e da Fundación Galega de Medicina Xenómica.

Desde o ano 2009, e ata 2025, entre obras e equipamentos, a Xunta de Galicia investirá máis de 110 millóns de euros en mellorar o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas