A Xunta entrega os premios ‘Lingua de namorar’ para a dinamización do galego entre a mocidade

As consellerías de Cultura e Política Social promoven o certame

Este concurso anual busca fomentar a lingua galega nas relacións entre iguais a través das tecnoloxías da comunicación e da transmisión do afecto entre mozos e mozas
 

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022

O Pazo de San Roque acolleu hoxe a entrega de premios anual do certame literario en liña Lingua de namorar, impulsado polas consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Política Social, para fomentar a lingua galega nas relacións entre iguais, nomeadamente a través das tecnoloxías da comunicación, e da transmisión do afecto entre a mocidade.

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou que o obxectivo desta undécima edición foi centrarse “na importancia da dinamización da lingua galega entre a mocidade e, especialmente, nas redes sociais”.

 

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, salientou que Lingua de Namorar é un certame consolidado entre a xuventude que, ademais de promover a lingua galega, tamén recoñece o talento creativo que atesouran os mozos galegos.

 

A xornalista Esther Estévez, coñecida polo seu traballo na divulgación para a mellora do uso da lingua galega, foi a encargada de conducir a entrega de premios a cinco dos sete gañadores das tres categorías de participación, que acudiron arroupados polas súas familias. A gañadora da categoría A, de 14 a 19 anos, foi Carmen Fernández (Ourense), coa mensaxe Á flor baixo a neve. Lucas Paz (A Coruña) e Laura Sande (A Coruña) recibiron o segundo e terceiro premio con Amor contraditorio e Desde Vilamor ata Fisterra respectivamente.

 

Na categoría B, de 20 a 35 anos, os gañadores foron, do primeiro ao terceiro, Pedro Rodríguez (Nigrán, Pontevedra), con O amor de iglú; Ania Ferreira (Vigo, Pontevedra), con Dúas partes que son unha; e Andrea López (Pantón, Lugo), con Filautía. A premiada na categoría C, vixente desde 2021 para idades de 14 a 35 anos e exclusiva para Instagram, foi Sofía Muñiz (Cambados, Pontevedra) con #Pulsión.

 

Os premiados e premiadas recibiron, segundo o posto acadado, un patinete eléctrico Youin You-Go L, un tocadiscos Nevir retro e un reloxo intelixente con esfera curvada 2.5 D, ademais dun lote de libros de literatura e poesía galega e un diploma.

 

Tanto as mensaxes gañadoras como os finalistas daranse a coñecer publicamente no web do certame e nas contas de Instagram de @xuventudegalicia e @linguagalega.

Imaxes relacionadas