A Xunta licita as obras de mellora do firme en 6 estradas autonómicas na provincia da Coruña, que suporán un investimento de máis de 2,4 M€

 

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme en 6 estradas autonómicas na provincia da Coruña, que suporán un investimento de máis de 2,4 millóns de euros.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 1 de xuño.

 

A Xunta prevé comezar as obras a finais de agosto ou setembro de 2022 co fin de telas rematadas este ano.

 

O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas AC-174, AC-214, AC-230, AC-400, AC-415 e AC-524, que discorren polos concellos de Oleiros, Cambre, Aranga, Curtis, Cerceda, Frades e Mesía.

 

Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.