A Xunta defende a importancia de seguir contando con Bioga para dar resposta a retos como o cambio de modelo produtivo que, na próxima década, suporá a bioindustria

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, participou hoxe na Coruña na XIX Asemblea xeral de Bioga

Explica que a Estratexia de consolidación do sector aspira a que en Galicia o número de empresas e a facturación crezan nun 50%

Para contribuír a este obxectivo, o vindeiro 19 de maio convócanse as axudas de Consolida Bio, un programa pioneiro dirixido ás pemes do sector biotecnolóxico

A Coruña, 6 de maio de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, defendeu esta mañá a importancia de seguir contando con Bioga para dar resposta a retos como o cambio de modelo produtivo que, na próxima década, suporá a bioindustria. Conde participou na XIX Asemblea xeral de Bioga que se celebrou na Coruña.

 

O vicepresidente económico en funcións felicitou a este clúster polo seu labor e logros, xa que Galicia é a segunda Comunidade Autónoma máis bioemprendedora de España, con 150 empresas do sector que facturan 900 millóns de euros e que axudan a reter e atraer talento así como a xerar un ecosistema que se está consolidando.

 

Neste sentido, destacou o apoio de Bioga na elaboración da Estratexia de consolidación de cara ao 2025, coa que se prevé mobilizar 662 millóns de euros e que tanto as empresas como a facturación se incrementen nun 50%. Conde animou a seguir traballando no fortalecemento das empresas biotech e dos centros de coñecemento para captar e reter talento especializado.

 

Ademais, avanzou unha nova convocatoria de axudas, Consolida BIO, que se publicará no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 19 de maio. Trátase dun programa pioneiro cun orzamento de 3M€ co que se pretende mobilizar 9 millóns para consolidar empresas con menos de oito anos de antigüidade.

 

Conde tamén fixo fincapé na necesidade de seguir atraendo empresas tractoras, así como captar investimentos desde a colaboración público-privada e seguir xerando talento. Puxo en valor as oportunidades que van abrir os Hubs de Innovación Dixital, como é o caso de DATAlife, do que Bioga forma parte; así como o proxecto de Sionlla Biotech que ten como obxectivo converterse nun biopolo onde as empresas poidan dispoñer de espazos adaptados ás súas necesidades, para o que contará cun centro de fabricación avanzada no que se están investindo 4 millóns de euros.

Imaxes relacionadas