O Sergas oferta máis de 2.500 prazas a prol da estabilización no emprego

A oferta recolle un total de 2.524 prazas das que 1.650 serán por concurso de méritos e 840 por concurso oposición

Ademais, sairán a concurso 34 prazas de persoal investigador

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022

A oferta de emprego en aplicación da Lei 20/21 de redución da temporalidade na Administración sanitaria galega, foi negociada en Mesa Sectorial cunha oferta total de 2.524 prazas. Destas prazas, 1.650 serán por concurso de méritos e 840 por concurso oposición. Ademais sairán a concurso 34 prazas de persoal investigador que, deste xeito, previo acordo en Mesa Sectorial, verán consolidadas as prazas. A Mesa Sectorial, celebrada onte xoves no Edificio Administrativo do Sergas, estivo presidida pola directora xeral de Recursos Humanos deste organismo, Ana Comesaña Álvarez.

Actualmente, están convocadas en proceso 2.000 prazas, 1.320 xa están en fase de concurso e das 680 restantes, unha parte xa se fixeron os exercicios da fase de oposición, o 23 e 24 de abril, e outras faranse os, 7, 8, 14 e 15 de maio.

Ademais destas 2.000 prazas, outras 1.194 prazas foron obxecto xa de oferta de emprego en anos anteriores e están comprometidas, polo que sumadas ás 2.524 prazas de estabilización, suporán a posibilidade de emprego fixo para 5.718 prazas do sector público sanitario, que comprenden as 103 categorías de persoal estatutario do Sergas e de entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao citado organismo, como a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Galaria, e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) . 

En persoal médico especialista e licenciado sanitario ofértanse un total de 577 prazas, 360 por concurso de méritos e 217 por concurso oposición. Nestas 52 categorías, súmanse ademais para a próxima incorporación do persoal fixo ás 1.150 prazas convocadas e que, actualmente, se atopan na última fase do proceso, con incorporación prevista tralo período do verán na maior parte delas.

O persoal de enfermería, ademais das 1.070 prazas xa convocadas, con prazo de inscripción aberto, engadiranse 252 máis por concurso oposición, e ademais, convocaranse 437 por concurso de méritos.

En persoal técnico en coidados auxiliares de enfermería, a oferta será de 455 prazas, 273 prazas en concurso de méritos e 182 de concurso oposición, se ben está pendente a oferta de emprego ordinaria do ano 2022, que se sumará a esta última.

En persoal celador, a oferta será de 201 prazas, e, no grupo auxiliar da función administrativa, 165.

En médico de familia, ademais das 143 prazas que xa están ofertadas pendentes de convocatoria, engadiranse 41 de concurso de méritos e 8 de concurso oposición. A estas, ademais, engádense as 106 que están xa convocadas e en prazo de solicitude e as que podan sumarse de taxa ordinaria no ano 2022.

Redución da temporalidade

Fóra do ámbito de aplicación da Lei 20/21, a Administración comprometeuse a convocar un proceso propio para acceso a prazas por persoal fixo en promoción interna, que lles permita acceder a outra categoría, cun mínimo de 250 prazas de diversas categorías.

No borrador de decreto entregado recóllese, tamén, a reserva dun 7% para discapacidade en procesos de concurso oposición.

Así, igualmente, a Administración e os sindicatos acordaron que todas as prazas serán obxecto de concurso de traslados para mobilidade do persoal fixo previa determinación de destinos destes procesos.

 

Así mesmo, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas informou da petición feita polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao Ministerio de Sanidade, para que regulase por Lei a posibilidade de limitar o concurso de méritos a un único servizo de saúde coa finalidade de garantir a estabilidade no emprego no ámbito correspondente.

Imaxes relacionadas