A Xunta licita por máis de 2,5 M€ as obras de mellora do firme na estrada LU-113 ao seu paso polo concello de Abadín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, anunciou que se acondicionarán os últimos 7,8 km, comezando á altura do enlace coa estrada LU-121 e rematando na conexión coa autovía do Cantábrico

As empresas interesadas no contrato poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de maio e o obxectivo é iniciar as obras entre finais de agosto e setembro

Acometeranse actuacións que redundarán na mellora das condicións da vía, complementadas con outras intervencións que incrementen a capacidade estrutural do firme para adaptalo ao tráfico que soporta e acadar unha vida útil axeitada

Inclúese no contrato unha serie de intervencións de mellora da seguridade como cunetas, sinalización horizontal, tacos de resalto ou captafaros, que teñen por obxecto mellorar as actuais prestacións da estrada en beneficio dos usuarios

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas comunicacións seguras e eficientes

Abadín (Lugo), 6 de maio de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou por 2.523.082 euros as obras de mellora do firme na estrada autonómica LU-113, ao seu paso polo concello de Abadín.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou hoxe o proxecto, que ten por obxecto o acondicionamento e rehabilitación do pavimento ao longo dos últimos 7,8 quilómetros do treito da LU-113 de Moncelos a Abadín, o que redundará na mellora das condicións da vía e reforzará a seguridade.

 

Máis en detalle, as actuacións na LU-113 comprenderán o tramo comprendido entre o punto quilométrico 22+800, á altura do enlace coa estrada LU-121, ata o remate da estrada no punto 30+600, na conexión coa autovía do Cantábrico.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou o pasado mércores a licitación  destas obras ás que as empresas interesadas poderán optar presentando as súas ofertas ata o vindeiro 30 de maio. O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é iniciar as obras a finais de agosto ou setembro, para a súa execución neste ano.

 

As obras consisten na reparación das zonas do firme con fisuración e dos treitos máis deterioradas en zonas puntuais ou con esgotamento estrutural do firme, complementadas con outras intervencións que incrementen a capacidade estrutural, co fin de adaptar o firme ao tráfico que soporta e permitindo acadar unha vida útil axeitada.

 

Deste xeito, os traballos incluirán un reforzo do firme segundo as necesidades deste tramo da LU-113, superficial ou máis profundo de saneo, dependendo do deterioro, así como o estendido dunha nova capa de rodadura.

 

Máis en concreto, realizaranse fresados localizados cun espesor de 10 cm, e a reposición realizarase de mestura bituminosa co mesmo espesor de 10 cm. A actuación terá o ancho do carril completo.

 

Tamén se executarán saneos localizados nas zonas deformadas e con esgotamento estrutural repoñendo o solo cemento actual de base con material procedente do fresado. A actuación terá tamén o ancho do carril completo.

 

Ademais, actuarase no recrecido do firme a calzada completa, co espesor de 5 cm en todo o ancho da plataforma.

 

Tamén se propón nesta actuación a mellora da drenaxe da estrada, coa execución de cuneta de seguridade revestida en formigón, con tubo dren para evitar as filtracións á explanada.

 

Como complemento, inclúense unha serie de intervencións de mellora da seguridade: cunetas, sinalización horizontal, tacos de resalto ou captafaros, que teñen por obxecto mellorar as actuais prestacións da estrada en beneficio dos usuarios da LU-113.

 

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.

Imaxes relacionadas