A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña poñen en marcha a recuperación da fachada marítima investindo 3,1 M€ na estrutura flotante do Parrote, que estará rematada en 2023

O Goberno galego traballa xa na tramitación do convenio coa Autoridade Portuaria para materializar a colaboración nesta actuación

A actuación desenvolverase en 2 fases: nunha 1ª balizarase a zona de baño, xa este verán; e na 2ª construiranse os equipamentos náuticos e de ocio, coa previsión de licitar as obras este ano e executalas en 2023

O proxecto componse dunha estrutura de baño, un edificio complementario para as actividades náutico-turísticas e bancadas para achegar o mar aos cidadáns, dotando á cidade dun atractivo turístico no que desenvolver actividades de recreo náutico

Disporase unha plataforma grande e de dúas illas: á primeira delas accederase desde a zona principal e terá un perímetro flotante cunha bancada cara á auga e zona para tomar o sol; e á segunda illa, separada da estrutura principal, chegarase nadando

Trátase da primeira pedra da recuperación da fachada marítima, para o que a Xunta comprometeu un investimento de 20 M€

Xunta e Autoridade Portuaria seguen á espera do Concello para a firma do acordo, logo de transcorridos 6 meses desde que a Autoridade Portuaria remitira a proposta
 

A Coruña, 6 de maio de 2022

A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña poñen en marcha a recuperación da fachada marítima investindo 3,1 millóns de euros na estrutura flotante do Parrote, que estará rematada en 2023.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, e o director xeral de Portos de Galicia, Roi Fernández Añón, presentaron hoxe o proxecto da estrutura flotante na zona do Parrote para actividades de recreo náutico.

Vázquez Mourelle e Martín Fernández Prado explicaron que o primeiro paso para materializar este proxecto é fixar as responsabilidades nun convenio de colaboración entre Autoridade Portuaria da Coruña e Xunta, que o Goberno galego comezou a tramitar.

Sinalou que o Goberno galego asumirá integramente o custo da actuación, é dicir, un investimento de 3,1 millóns de euros para impulsar esta nova infraestrutura ligada ao deporte, ao ocio e ao encontro social.

Para avanzar neste proxecto, a súa execución realizarase en dúas fases, acometéndose a primeira este mesmo verán co balizamento da zona de baño co fin de garantir a seguridade.

Nunha segunda fase, construiranse todos os equipamentos náuticos e de ocio. Para isto, as obras serán licitadas a finais deste ano co fin de executalas en 2023, ano no que estas instalacións estarán ao completo á disposición dos cidadáns.

A responsable de Infraestruturas en funcións detallou que o proxecto se comporá dunha estrutura de baño e dun edificio complementario para as actividades náutico-turísticas e 150 metros de bancadas para achegar o mar aos cidadáns, dotando á cidade dun novo atractivo turístico no que desenvolver actividades de recreo náutico.

En canto ás características técnicas, construiranse unha plataforma grande e dúas pequenas illas que permitirán a actividade lúdica. Á primeira illa accederase desde a zona principal, terá forma de trapecio, un perímetro flotante de madeira cunha bancada cara á auga e zona para tomar o sol; e á segunda, de forma triangular e separada da estrutura principal, chegarase nadando.

Ethel Vázquez remarcou que este tipo de plataformas flotantes destinadas ao baño público son referentes desde principios do século XX en cidades europeas como Berlín, París ou Copenhague.

Tanto a conselleira como o presidente do Porto precisaron que o deseño da infraestrutura está pensado para ser totalmente compatible co marisqueo, polo que estará debidamente balizada, delimitando tamén a zona de baño das zonas de paso de embarcacións e do tránsito marítimo.

Recuperación da fachada marítima

Ethel Vázquez lembrou que a construción desta estrutura será a primeira pedra da contribución da Xunta á recuperación da fachada marítima, un obxectivo para o que comprometeu un investimento de 20 M€, recollido na proposta de acordo coa Autoridade Portuaria e o Concello.

Non obstante, tanto a conselleira como o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña lamentaron que despois de máis de 6 meses, desde outubro de 2021 que a Autoridade Portuaria remitiu a todas as partes a proposta do convenio, se siga agardando polo Concello para a firma do convenio e avanzar no proxecto.

A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña veñen traballando da man no impulso do porto exterior da Coruña para acadar o desenvolvemento económico e social da cidade e da contorna.

Na súa intervención, Vázquez Mourelle lembrou o fito do presidente Feijóo, que logrou arrincar do ministro Ábalos o compromiso de impulsar o tren a Punta Langosteira, unha infraestrutura que supón un investimento 170 M€ e que será financiada cos fondos Next Generation.

Así, hoxe as obras do tren a Punta Langosteira xa están licitadas e en fase de valoración de ofertas, permitindo no futuro unha conexión ferroviaria que garante a competitividade do Porto Exterior, dándolle pleno sentido a esta grande infraestrutura da área da Coruña.

Puntualizou que tamén é imprescindible liberar os peiraos interiores para a súa posta á disposición dos coruñeses, un obxectivo marcado desde hai xa 17 anos.

Ethel Vázquez tamén se referiu a outras actuacións autonómicas estratéxicas como o novo CHUAC, cun investimento de máis de 430 millóns de euros; ou á intermodal, cuxo proxecto da terminal de autobuses e aparcadoiro se licitou por case 40 millóns de euros, dos que practicamente a metade, 19,6 millóns son achegados pola Xunta.

Tamén sumou a estas intervencións outras relevantes para o fomento da mobilidade sostible na cidade da Coruña e na súa área, que acadan un investimento próximo aos 18 millóns de euros.

Referiuse ao proxecto ilusionante e destacado da pasarela sobre a ría do Burgo, entre Oza e Santa Cristina, á que se destinarán 8 millóns de euros e para a que neste mesmo mes se licitará o concurso de proxecto e obra.

Concluíu que o Goberno galego, a través destes investimentos importantes na Coruña e na súa área, pretende mellorar a calidade de vida dos coruñeses e dos veciños da contorna, algo sobre o que tamén chamou a atención o presidente da Autoridade Portuaria.

Imaxes relacionadas