O núcleo de adestramento de Squash, no Milladoiro, porá toda a sabedoría do equipo de Borja Golán ao servizo dos rapaces galegos

Ames (A Coruña), 6 de maio de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe o Ximnasio Squash do MIlladoiro, en Ames, onde se atopa a academia de Borja Golán -Golán Squash Academy- que dende o pasado 20 de decembro foi recoñecida como o novo Núcleo de Adestramento Especializado (NADE) da Federación Galega de Squash e que conta cun investimento de 30.000 euros.

Lete Lasa destacou a importancia de que "o mellor xogador español de squash da historia e que chegou a acadar o top 5 mundial en 2014", sexa o líder dun proxecto que ten como finalidade descubrir os novos talentos no deporte galego e formalos ata a elite. O mandatario galego destacou a importancia de que os NADE recoñecidos pola Xunta de Galicia conten coas mellores infraestruturas posibles. Neste sentido destacou os 25.000 m2 do Squash Club Santiago ao que definiu como un dos referentes en toda España.

O NADE da Federación Galega de Squash está composto por trece deportistas -oito xogadores absolutos e cinco xogadores júnior-. A Academia de Borja Golán conta con todas as facilidades para os deportistas do NADE entre as que destacan tres adestradores -Borja Golán, Jesús Souto e Pablo Rodríguez-, un preparador físico e nutricionista -André García-, unha fisioterapeuta e readaptadora deportivo -Lucía Nieto-, un médico especializado en medicina deportiva -Adrián Gallego-, un psicólogo deportivo -Pascal Gómez- e un masaxista -Isaac Barreiro-.

Cómpre salientar o caracter internacional da Academia que cada mes acolle xogadores foráneos de grande nivel do que se benefician os xogadores galegos. Nesta mesma semana, os rapaces e rapazas do NADE puideron adestrar con catro xogadores de Hong Kong.

NADES

O pasado 20 de decembro o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución do 3 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se dá publicidade aos recoñecementos dos núcleos de adestramento deportivo especializado no ano 2021. Os NADE son o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha federación deportiva, club deportivo ou sociedade anónima deportiva inscrita no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, que teñen por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo. Trátase, en definitiva, do recoñecemento e apoio da labor dos axentes deportivos no ámbito da tecnificación, así como tamén de identificar e reter o talento deportivo que se atopa diseminado polos clubs do territorio da Comunidade Autónoma.

Os proxectos recoñecidos correspóndense co interese estratéxico deportivo da propia Comunidade Autónoma, encamiñado á participación dos deportistas galegos e das deportistas galegas en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel.

A presentación deste NADE continua a liña comezada o pasado 25 de marzo coa inauguración do NADE da Federación Galega de Surf en Nigrán. Ademais destes dous, recoñecéronse outros tres NADE correspondentes ao Club Kayak Tudense, o Club Boxeo Kick Boxing e á Federación Galega de Hóckey. O investimento da Xunta de Galicia nestes cinco NADE acada os 150.000 euros.

Imaxes relacionadas