A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a actualización das tarifas aplicables aos servizos de taxi no ámbito interurbano, en vigor desde o 23 de maio
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atende a solicitude a revisión de prezos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo, de acordo co Consello Galego de Transportes, que estaban vixentes e sen variación desde o ano 2014
Trátase de dar resposta á alza de prezos e de garantir a competitividade do sector, a permanencia deste servizo público esencial para os usuarios e de preservar o emprego
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se aproban as novas tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano, que entrarán en vigor o vindeiro dia 23 de maio.
Deste xeito, actualízanse as tarifas nos servizos de taxi na comunidade autónoma, modificando as vixentes desde a ano 2014, sen que en todo este tempo sufrisen incremento algún.
Coa revisión de tarifas a Xunta dá resposta a unha demanda dos profesionais, fundamentada na alza xeneralizada de prezos, xustificándose esta actualización na necesidade de garantir a competitividade do sector, a permanencia deste servizo público esencial para os usuarios e para garantir o emprego.
Esta actualización nas tarifas do taxi, aplicable aos percorridos de ámbito interurbano, responde á situación provocada, primeiro, pola pandemia da covid-19 e, posteriormente, como consecuencia da alza de prezos que se vén producindo nos últimos meses, especialmente dos carburantes, que provocan neste sector profesional unha diminución da súa propia actividade profesional e unha alza significativa de custos. Estes dous feitos deron lugar á concorrencia dos supostos de excepcionalidade previstos na normativa vixente, e xustifican a necesidade de proceder a unha revisión das tarifas aplicables aos servizos de taxi.
A Xunta atende así á petición da Federación de Autónomos del Taxi de Galicia (FEGATAXI), organización maioritaria no sector, que estima necesaria a revisión de tarifas.
2014 | 2022 | ||
Vehículo con TAXÍMETRO(3) | TARIFA | TARIFA | |
Valor do paso | 0,05 € | 0,05 € | |
Metros por salto | 45,45 | 41,67 | |
Segundos por salto | 12,35 | 11,25 | |
Metros primeiro salto | 3000 | 3.000 | |
Tempo primeiro salto | 815,37 | 743 | |
Mínimo de percepción | 3,30 € | 3,60 € | |
Vehículo sen TAXÍMETRO | TARIFA | TARIFA | |
Prezo por km recorrido | 1,10 € | 1,20 € | |
Prezo por hora de espera | 14,57 € | 16,00 € | |
Mínimo de percepción | 3,30 € | 3,60 € | |
Tempos de espera (por fracción de 15 minutos) | 3,64 € | 4,00 € |
Cómpre sinalar, que ao igual que na Orde do 23 de xuño de 2010, as referidas tarifas son aplicables aos servizos prestados de luns a sábado laborais, entre as 6:00 horas e as 22:00 horas, aplicándoselle un suplemento do 20% aos prestados os domingos, festivos, ou en horario comprendido entre as 6:00 e as 22:00 horas, así como o 24 e o 31 de decembro.
Na aplicación destas tarifas cómpre ter en conta que a percepción mínima cubrirá os primeiros 3 kms de percorrido, en servizos sen taxímetro, e subsumirá os saltos correspondentes de distancia e tempo, de forma que tan só a partir da distancia ou do tempo correspondente ao primeiro salto comezarán a computarse os pasos sucesivos, en vehículos provistos de taxímetro.
Igualmente, en canto ao tempo de espera, mantense a previsión de que a persoa usuaria terá dereito a dispoñer gratuitamente dos primeiros 15 minutos da primeira hora de espera.
A orde da Xunta publicada hoxe recolle o detalle das tarifas actualizadas, cuxa información pode consultarse no seguinte enlace ao DOG: https://bit.ly/3sgbaoi