O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias visitou unha explotación de porco celta en Alfoz cuxo titular foi beneficiario destas achegas

A Xunta destaca a importancia das axudas de incorporación de mozos como medio para fomentar a remuda xeracional no agro galego

José Balseiros, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que só na convocatoria deste ano o Goberno galego destina 15 millóns de euros a esta liña de subvencións

Alfoz (Lugo), 6 de maio de 2022.- O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou hoxe a importancia das axudas destinadas á incorporación de persoas mozas ao agro para promover a efectiva remuda xeracional no medio rural. Fíxoo durante a súa visita a unha explotación de porco celta situada no concello lugués de Alfoz cuxo titular foi beneficiario destas achegas e na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias.

 

Balseiros puxo en valor que só na convocatoria deste ano a Xunta destina 15 millóns de euros a esta liña de subvencións, que se integra nunha partida aínda maior, contemplando tamén as axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas e a para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Todas elas, salientou, contan en conxunto cun orzamento de 37,5 millóns de euros na convocatoria de 2022.

 

Asemade, o director xeral salientou que esta explotación, denominada “Finca A Rega”, é a primeira incorporación dun mozo á actividade de porco celta como única orientación produtiva. As súas instalacións contan cunha nave equipada con todo o necesario para a profesionalización da xestión da granxa, que dispón ademais de base territorial, cunha superficie de cinco hectáreas.

 

Toda a produción desta explotación comercialízase a través da súa empresa familiar situada no concello do Valadouro e denominada Embutidos Hermelindo, que rexenta o titular da granxa xunto cos seus irmáns. Con esta marca, comercializan diversos elaborados de porco celta, tales como hamburguesas, xunto con outros produtos curados ou frescos.

Imaxes relacionadas