Así o anunciou o conselleiro do Medio Rural na clausura do I Congreso internacional sobre innovación no agro, que se desenvolveu no pazo de Xerlís, na Estrada

A Xunta creará o comité de honra “Spin Rural” para a innovación en Galicia

José González trasladou tamén neste acto que o vindeiro ano organizarase a segunda edición deste evento e felicitou os participantes polo resultado das diferentes mesas redondas e conferencias

Neste congreso, que puido seguirse na súa integridade a través das redes sociais, participaron máis dunha trintena de expertos do ámbito público e privado

A Estrada (Pontevedra), 6 de maio de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este mediodía a clausura do I Congreso Internacional de Innovación “Spin Rural-Visionarios da terra”, que se desenvolveu dende o pasado mércores no pazo de Xerlís, no municipio pontevedrés da Estrada.

 

Na súa intervención, José González anunciou que en maio do vindeiro ano haberá unha segunda edición deste evento, tendo en conta o éxito desta primeira convocatoria. Ademais, trasladou tamén a creación do Comité de Honra Spin Rural para a innovación en Galicia que -sinalou- “manterá viva a chama durante este ano” ata a celebración de 2023.

 

Nesta liña, o conselleiro definiu este congreso como un “encontro de mentes pensantes, de visionarios e visionarias que confían en que o futuro é rural” e engadiu que a través deste Spin Rural os participantes trataron de “conectar e re-conectar”. Valorou, neste sentido, que o congreso supuxo unha “conexión coa terra, co noso rural e con Galicia”.

 

José González felicitou os participantes polo resultado das diferentes mesas redondas e conferencias, nalgunhas das cales participou el mesmo, e -advertiu- “con elas non só compartimos coñecemento e crecemos como individuos, senón que nos multiplicamos como sociedade”.

 
Calidade de vida no rural

Ademais, o conselleiro destacou que no rural galego hai todo un “exército” de persoas profesionais, visionarias, emprendedoras, innovadoras e pioneiras que buscan aportar o seu grao de area para que máis do 95% do territorio de Galicia -que é rural- siga sendo a elección de moita xente para vivir e para traballar con calidade de vida.

 

No Spin Rural participaron máis dunha trintena de expertos do ámbito público e privado, que interviñeron en diferentes mesas redondas, charlas e outros eventos, que tiveron un marcado carácter lúdico e participativo. O congreso puido seguirse, na súa integridade, en formato de realidade virtual mediante vídeos 360 en Youtube, sendo así o primeiro congreso destas características en incorporar esta posibilidade. Asemade, tamén estivo dispoñible nas redes sociais: en twitter e en Instagram, no enderezo @Spin_Rural, e contou cunha web propia: https://www.spinrural.com/home-ga.html.

Imaxes relacionadas