Lete Lasa acompaña “aos mellores piragüistas do mundo” no selectivo nacional de sprint que ten lugar en Verducido

O secretario xeral para o Deporte afirmou que, coa participación de Teresa Portela, Sara Ouzande e Carolina García no K4 feminino e a de Carlos Arévalo e Rodrigo Germade no K4 masculino, “máis da metade da tripulación dos mellores barcos nacionais é galega"

Pontevedra, 6 de maio de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe á segunda xornada do Selectivo Nacional de Piragüismo Sprint que está a ter lugar no Complexo de Regatas David Cal en Verducido, no encoro de Pontillón do Castro.

O secretario xeral celebrou a clasificación para a Copa do Mundo de Racice (República Checa) dos catro padexeiros galegos que obtiveron excelentes resultados o pasado verán en Toquio -Antía Jácome, Teresa Portela, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade- así como de outros cinco deportistas de Galicia como serán Carolina García, Sara Ouzande Claudia Couto, Adrián Sieiro e Cristian Toro.

O mandatario galego manifestou especialmente a súa ledicia ao comprobar in situ o excelente rendemento do K4 feminino nacional que, grazas ao ‘Programa de alto rendemento na modalidade muller kayak’ -froito dun convenio asinado entre a Xunta e as federacións nacional e autonómica- forma ás sete mellores padexeiras nacionais en Verducido ata os Xogos de París de 2024, nos que Lete asegurou que Teresa Portela acadará a súa sétima participación olímpica. Neste sentido, coa participación das tamén galegas Sara Ouzande e Carolina García no K4 feminino e a de Carlos Arévalo e Rodrigo Germade no K4 masculino, Lete Lasa afirmou que “máis da metade da tripulación dos mellores barcos nacionais e os que contan con maiores opcións para París, é galega”.

Cómpre salientar que Verducido tamén acolle dende agosto de 2021 a preparación dos adestramentos do Campionato do Mundo Júnior, sub 23 e absoluto na modalidade de canoa masculina e canoa feminina de augas tranquilas; así como o desenvolvemento do programa de alto rendemento na modalidade de canoa masculina en augas tranquilas.

Imaxes relacionadas