A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións reuniuse coa Federación galega de parques empresariais para falar da Lei de áreas empresariais

A Xunta crea a figura das áreas empresariais estratéxicas para habilitar reservas de solo que axilicen a implantación de proxectos clave para Galicia

Ángeles Vázquez subliña que esta é unha das novidades da lei, que tras recibir o visto e prace do Consello da Xunta, enviarase ao Parlamento para a súa tramitación

Considera que será unha “norma clave” nun momento no que a prioridade é reactivar a economía, xerar emprego e atraer á Comunidade novas iniciativas empresariais

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.-

A Xunta creará as chamadas áreas empresariais estratéxicas como unha figura novidosa coa que poder ofrecer, de forma máis áxil e eficaz, reservas de solo capaces de acoller actuacións empresariais clave e imprescindibles para o desenvolvemento económico de Galicia.

 

Esta é unha das principais novidades da futura Lei de áreas empresariais, un documento que centrou a reunión que mantiveron hoxe no Polígono do Tambre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e unha representación da directiva da Federación galega de parques empresariais (Fegape), que reúne ás principais áreas deste tipo da Comunidade.

 

Tras lembrar que o proxecto recibiu xa o visto e prace do Consello da Xunta e se remitirá agora ao Parlamento para continuar coa súa tramitación, a responsable autonómica subliñou a importancia de contar cunha lei que, por primeira vez, permitirá a posta en marcha de áreas empresariais estratéxicas, especialmente pensadas para actuacións que sen estar previstas no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), resultan vitais e imprescindibles para a Comunidade.

 

Deste xeito, explicou, facilitarase a creación de reservas de solo de carácter estratéxico para que as empresas se poidan implantar de forma rápida e sinxela, unha vontade de simplificación que, de feito, inspira a nova lei no seu conxunto.

 

“Non podemos deixar escapar oportunidades debido a trámites que se demoran no tempo”, argumentou a conselleira, que incidiu en que despois de dous anos marcados pola crise da covid, a Lei de áreas empresariais está chamada a ser unha “norma clave”.

 

Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou que nestes momentos as prioridades en Galicia pasan por reactivar a economía, xerar emprego estable e de calidade e facer do noso territorio un lugar “atractivo” para investir e desenvolver iniciativas empresariais.

 

Con ese triplo obxectivo, explicou que na futura Lei de áreas empresariais se mantén como marco xeral de ordenación o PSOAEG, pero se introduce tamén outro instrumento novidoso: os chamados plans estruturantes.

 

Trátase dunha figura que fixa as liñas básicas e xerais para a ordenación de determinadas áreas empresariais, permitindo así o seu desenvolvemento posterior e por fases. Deste xeito, poderase reducir a tan só 9 meses —fronte aos 21 meses actuais— o prazo de aprobación dos proxectos de urbanización.

 

Máis axilidade, simplificación e flexibilidade

Todas as medidas e instrumentos novos previstos na lei, subliñou a conselleira, teñen como fin “axilizar, simplificar e flexibilizar” tanto a planificación como a creación de solo preparado para acoller novas e interesantes iniciativas empresariais. Un obxectivo que comparte, sinalou, tanto coa Fegape como co tecido empresarial da Comunidade, confirmando o compromiso da Xunta de manter as bonificacións á compra de solo nos parques do IGVS e de Xestur que tan bos resultados lle deron desde 2015.

 

Neste sentido, Ángeles Vázquez agradeceu e valorou a implicación amosada polo sector durante a fase de elaboración da Lei de áreas empresariais, unha norma “pioneira” a nivel estatal e que unha vez aprobada, lembrou, converterá a Galicia na única Comunidade en contar cun marco legal específico nesta materia.

 

Por último, a conselleira subliñou que a futura norma ofrecerá “seguridade xurídica” aos empresarios e redundará en beneficio tamén de cidadáns e administracións públicas, ao tempo que destacou a importancia que se lle dá no texto lexislativo á xestión, mantemento e conservación dos parques empresariais, unha das demandas trasladadas polo sector na fase de consulta pública previa, co obxectivo de que sexan áreas “competitivas, funcionais e equipadas coas tecnoloxías máis actuais”.

Imaxes relacionadas