O Sergas oferta 389 prazas nas oposicións que se celebran esta fin de semana

O sábado están convocados un total de 5.420 aspirantes para a cobertura de 251 prazas de condutor e pinche e 2.530 aspirantes están convocados para o domingo, para cubrir 138 prazas de calefactor, lavandeiro, logopeda, técnicos superior e de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e traballador social

Coa realización destes exercicios avánzase no desenvolvemento das probas selectivas para cubrir un total de 680 prazas de 24 categorías/especialidades, que se iniciaron a fin de semana do 23 e 24 de abril e que continuarán o 14 e 15 de maio próximos

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.- Esta fin de semana continuarán a desenvolverse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), as probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, para cubrir un total de 680 prazas correspondentes a 24 categorías de persoal estatutario iniciadas a fin de semana do 23 e 24 de abril. En particular, esta fin de semana realizaranse os exames para cubrir un total de 389 prazas.

Así, o sábado día 7, en xornada de mañá, están convocados os aspirantes a cubrir un total de 12 prazas da categoría de condutor. O número de aspirantes admitidos é de 657. A entrada das persoas aspirantes dará inicio ás 9:30 horas. 

O sábado día 7, en xornada de tarde, están convocados os aspirantes a cubrir 239 prazas de pinche, polos sistemas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral. O número de aspirantes admitidos é de 4.763. A entrada das persoas aspirantes dará inicio ás 16:00 horas. 

O domingo día 8, ás 9:30 horas, están convocados 1.602 aspirantes para cubrir 91 prazas das categorías de calefactor (37), logopeda (4), técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4) e traballador social (46).

O domingo día 8 en xornada de tarde, a partir das 16:00 horas, están convocados 928 aspirantes das categorías de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e lavandeiro para cubrir 8 e 39 prazas, respectivamente.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

 

Coa realización destes exercicios avánzase no desenvolvemento das probas selectivas para cubrir 680 prazas de 24 categorías/especialidades de persoal estatutario, que se iniciaron a fin de semana do 23 e 24 de abril e que terán continuidade o 14 e 15 de maio próximos.

 
Medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento das probas
 

Debido ao contexto sanitario actual derivado da pandemia, elaborouse un protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde, que contén as medidas preventivas e os medios necesarios para protexer a seguridade e saúde das persoas implicadas en tales procesos.

 

Entre outras, e tras a recente normativa aprobada polo Goberno, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recomenda ás persoas aspirantes e persoal da organización que intervén nestas probas a prudencia e o uso da máscara, especialmente nas entradas e saídas ao recinto, cando se estea en movemento, cando non se poida garantir a distancia de seguridade de 1,5 metros de distancia e de forma constante para os aspirantes e persoal que sexan sospeitosos e confirmados de covid e contactos estreitos de casos. Do mesmo xeito, o uso da máscara de forma constante polos grupos vulnerables de aspirantes (persoas de 60 anos ou máis, persoas con condicións de alto risco e mulleres embarazadas).

 

Como medidas organizativas, cómpre destacar a supresión do chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas; a acreditacion para o acceso efectuarase a través de código QR; e cada aspirante terá asignado un número de posto de exame que deberá ocupar para a realización das probas. Ademais, a cumprimentación dos datos identificativos da folla de respostas efectuarase pola propia persoa aspirante no seu posto de exame. En definitiva, medidas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.

 

As persoas convocadas teñen dispoñible en Fides, no apartado relativo á súa inscrición na OPE, un código QR coa información do lugar, data e hora de realización das probas, así como a porta de acceso e número de mesa a ocupar.

 

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no enlace que de seguido se indica, figura a disposición dos aspirantes un vídeo titorial sobre o procedemento a seguir para obter o certificado-código QR, acreditativo para o acceso ás probas que, as persoas aspirantes deberán levar impreso na data do exame.

 
 
 
 

Non estará permitido o acceso das persoas aspirantes ao interior do recinto de realización das probas con teléfono móbil nin ningún outro dispositivo electrónico ou soporte con memoria.

Imaxes relacionadas