A Xunta abre unha nova liña de axudas para o talento musical galego cun investimento de 1,2M€

A convocatoria, que publica hoxe o DOG, insírese nas iniciativas postas en marcha polo Goberno galego a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural

As destinatarias son as empresas musicais para a promoción e difusión de proxectos artísticos profesionais, tanto de solistas e grupos como colaborativos

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.-

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria e as bases dunha nova liña de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixida ao talento musical galego, que suporá unha inxección económica directa de 1,2 millóns de euros para a promoción e difusión de proxectos artísticos profesionais, sen precedentes no sector. Este fondo forma parte das medidas que o Goberno galego está a desenvolver a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que se abre agora á música despois de ter iniciado xa varias accións específicas para o audiovisual e os videoxogos.

 

Tal e como lle adiantou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a unha representación do sector o pasado día 23, a apertura desta vía de apoio é o resultado dun proceso de diálogo coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), colectivo que agrupa as principais compañías de management e axencias artísticas galegas, co obxectivo de apoiar toda a cadea de valor que permite o impulso das carreiras musicais de artistas que desenvolvan a súa actividade maioritaria en Galicia.

 

Prazo ata o 6 de xuño

Así, estas subvencións poden solicitarse desde mañá e ata o 6 de xuño por parte de profesionais autónomos ou de empresas musicais de Galicia para o desenvolvemento e promoción tanto de solistas e grupos como de proxectos colaborativos entre cando menos catro deles.

 

Con esta convocatoria extraordinaria, cuxo alcance económico se estende a 2023, dáse un salto cuantitativo e cualitativo respecto a anteriores axudas específicas para o sector musical, dirixidas maioritariamente á organización de festivais e á produción discográfica. Desta volta, búscase contribuír directamente á promoción dos artistas en diferentes fases, que van desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria.

 
 
 

Financiarase, con tal fin, ata o 70% dos gastos de cada proxecto adxudicatario que teñan que ver con produción, comercialización e márketing, promoción e comunicación, distribución dixital, concertos e xiras, consultaría e persoal, entre outros.

 

Dúas modalidades

Establécense dúas categorías de propostas subvencionables: a modalidade A para proxectos musicais unitarios arredor dun só artista, xa sexa solista ou grupo, e a modalidade B para proxectos arredor dun mínimo de catro solistas ou bandas. No primeiro dos casos fíxase unha axuda máxima de 40.000 euros por solicitude, mentres que no segundo este límite ascende a 200.000 euros.

 

A música pasa a integrarse así nas liñas de acción deseñadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do seu Hub, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais galegas ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Imaxes relacionadas