A Xunta destaca a importancia da formación dos servizos de emerxencias para atender as incidencias relacionadas con Protección Civil e incendios

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe aos membros da nova xunta directiva da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros en Galicia

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu esta mañá aos membros da nova xunta directiva da delegación en Galicia da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), entidade dedicada á formación e prevención a nivel nacional en materia de prevención de riscos no ámbito das emerxencias. En Galicia forman parte desta organización representantes dos servizos de emerxencias da Xunta e dos concellos.

Santiago Villanueva destacou a importancia da formación continua nun eido tan importante como as emerxencias con actividades como as que anualmente organiza a organización APTB, así como os plans de formación continua semestrais que a Xunta imparte desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Así, neste ano a Academia prevé 214 cursos de 1.520 prazas destinados a membros de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), aos profesionais de emerxencias e en materia de socorrismo. Algúns dos módulos céntranse no manexo de equipos ou o apoio necesario en intervencións como os incendios, a busca de persoas desaparecidas, rescates ou accidentes.

A Xunta tamén aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias e leva realizando un importante investimento en apoio ao mantemento dos servizos de emerxencias e na dotación de equipamento, tanto das AVPC e dos GES, así como colaborando no financiamento dos consorcios provinciais e comarcais de bombeiros.

Imaxes relacionadas