Lete Lasa destaca o ‘pasado, presente e futuro’ do motociclismo galego na presentación da primeira proba do mundial de enduro en Lalín

Lete Lasa lembra aos mellores pilotos galegos e lembra a proba do Campionato do Mundo de Enduro de 2019 en Santiago de Compostela, "tres anos despois e tras unha pandemia, o deporte galego segue acollendo grandes eventos e as licenzas de motociclismo duplicáronse"

Lalín (Pontevedra), 5 de maio de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe a primeira proba do Campionato do Mundo de Enduro que terá lugar en Lalín nesta fin de semana e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia. Nas súas verbas, o mandatario galego destacou o "pasado, presente e futuro" do motociclismo galego que contou e conta con grandes nomes como os de López Mella ou Dani Rivas e, nas modalidades off-road, destacou o gran papel que están a levar a cabo no contexto internacional Jorge Caselas e Gabriel Marcelli en trial, así como Rubén Fernández e Jorge Prado en motocross, todos eles apoiados pola Xunta de Galicia.

No que respecta ao enduro, Lete Lasa lembrou a carreira de Xacob Agra ao que definiu como un dos responsables de que o enduro galego acadase o seu nivel actual e que grazas a el, moitos mozos seguen os seus pasos como é o caso de Abel Carballés, que vén de acadar un sexto posto na terceira proba da liga galega de moto de campo en Tui, ou dos outros cinco galegos que tomarán a saída nesta primeira proba do Campionato Mundial de Enduro.

O responsable da carteira de Deportes serviuse da etimoloxía do enduro, proveniente do francés endurer (resistir), para eloxiar a capacidade de resistencia do deporte galego durante a pandemia. Neste sentido recordou como en 2019 xa se celebrou en Galicia unha proba do Campionato do Mundo de Enduro -en Santiago de Compostela- e dende aquela, a pesar dos dous anos de crise sanitaria, as licenzas de motociclismo duplicáronse ata rozar as 800.

Imaxes relacionadas