A Xunta apoia o Festival do Pasatempo no marco dos concertos do Xacobeo como exemplo dunha programación diversificada e de calidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na presentación deste ciclo de concertos, que terá lugar no auditorio do Pasatempo do 14 ao 16 de xullo

O evento celebra este ano a súa segunda edición, inserido nos Concertos do Xacobeo e no marco da celebración deste Ano Santo tan excepcional

Betanzos (A Coruña), 5 maio de 2022.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na rolda de prensa de presentación do festival musical “Pasatempo en Betanzos 2022”, que se desenvolverá os vindeiros 14, 15 e 16 de xullo, xunto a alcaldesa de Betanzos, María Barral e o promotor do evento, Francisco Gómez. O evento, enmarcado dentro dos Concertos do Xacobeo, terá como actuacións estrela o concerto de Iván Ferreiro o 14 e o de Los Secretos, o 16, ademais de cantaxogos e actuacións de DJs.

Na súa intervención, Nava Castro salientou que “o Xacobeo e este tipo de ciclos son unha oportunidade única para Galicia, para a nosa recuperación e para que todos os galegos volvamos coller impulso trala pandemia”. “Estes acontecementos permítennos deslocalizar a celebración deste Ano Santo, cumprindo así un dos eixes desta programación do Xacobeo, con actuacións en diferentes localizacións que permiten que cada un de nós, sen importar de onde sexamos, poidamos participar nas ofertas culturais e que cheguen a todos os públicos”.

Así mesmo, puxo en valor este tipo de iniciativas, nas que se xeran sinerxías entre administracións, favorecendo a chegada de artistas de fama mundial ao noso territorio e que contribúen a que Galicia se converta nun faro de cultura.

Mediante o apoio deste tipo de iniciativas, a Xunta de Galicia segue apostando pola diversificación e a desestacionalización da celebración deste Xacobeo 21-22, espallando eventos ao longo de todo o ano con todo tipo de eventos orientados a diferentes públicos para que a oferta cultural chegue a todas as partes do territorio.

Imaxes relacionadas