A Xunta colabora coa Fundación Lar Pro-Saúde Mental de Vilagarcía para o tratamento, coidado e inclusión das persoas con trastornos mentais

O delegado territorial, Luis López, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, visitaron as instalacións e coñeceron os programas financiados pola Consellería de Sanidade

O departamento autonómico ten aberta ata o 12 de maio a convocatoria 2022 desta orde de axudas, que ten un orzamento de 800.000 euros e axudará a unhas corenta entidades

A fundación recibíu no último ano máis de 60.000€ de Sanidade para obras e tres programas asistenciais e ocupacionais e case 67.000€ de Política Social para equipamentos e atencións

Vilagarcía, 5 de maio de 2022

A Xunta de Galicia, a través das consellerías de Sanidade e Política Social, está a colaborar de xeito periódico coa Fundación Lar Pro-Saúde Mental, emprazada en Vilagarcía de Arousa, para o tratamento, coidado e inclusión social e laboral das persoas con trastornos mentais da comarca do Salnés.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Ramón Gómez, e pola xefa de servizo de Saúde Mental do Sergas, María Tajes, foron recibidos pola directora do centro, Amelia Varela, e por outros traballadores para coñecer as súas instalacións e os programas realizados cos fondos autonómicos.

 

Así, percorreron o centro de rehabilitación psicosocial, a miniresidencia, que ten 24 prazas das que 20 están subvencionadas cun réxime de concerto, o servizo especial de emprego e o centro de terapia de menores.

 

Paralelamente, tamén coñeceron os investimentos físicos nas instalacións e os programas orientados á mellora da calidade de vida das persoas con trastornos mentais que están subvencionados pola Xunta.

 

Cómpre sinalar que a Consellería de Sanidade concedeulle á Fundación Lar Pro-saúde Mental no último ano máis de 60.000 euros para obras e para programas asistenciais e ocupacionais, como o de mellora da calidade de vida a domicilio, accións de competencia en técnicas de carpintaría ou prevención do suicidio para a terceira idade.

 

Convocatoria aberta

Precisamente, o representante autonómico explicou que este departamento autonómico ten aberta a convocatoria de axudas deste ano para o desenvolvemento de programas de tratamento de trastornos mentais ata o vindeiro 12 de maio e dispón dun orzamento de 800.000 euros co que pretende colaborar cunhas corenta entidades.

 

Por outra banda, o respaldo da Xunta a esta fundación tamén procede da Consellería de Política Social, que lle outorgou case 67.000 euros en axudas para a adquisición de equipamentos de novas tecnoloxías, a rehabilitación das súas oficinas e un programa de atención integral das familias.

 

Finalmente, Luis López felicitou á entidade polos seus 25 anos de traballo a prol da xente con problemas mentais –a fundación naceu en 1997– e destacou “o seu gran esforzo e a alta calidade dos servizos que presta para mellorar o seu benestar, estender os tratamentos e favorecer a inclusión laboral e vital, avogando pola independencia destas persoas”.

 

O Plan Galego de Saúde Mental 2020-2024 conta cun investimento de 83 millóns de euros e permitirá a contratación de 241 profesionais. Neste sentido, a Xunta chega xa aos 117 novos profesionais da saúde mental contratados.

Imaxes relacionadas