O museo Massó de Bueu comeza esta semana as actividades conmemorativas do día internacional dos museos

Haberá visitas guiadas todos os domingos de maio e na fin de semana do 21 e 22 desenvolveranse un obradoiro didáctico para todos os públicos e un percorrido pola antiga fábrica de salga de Mourisca

Bueu (Pontevedra), 5 de maio de 2022

O Museo Massó de Bueu inicia xa esta semana as actividades conmemorativas do Día Internacional dos Museos, que se celebra o 18 de maio. Haberá visitas guiadas todos os domingos do mes e na fin de semana do 21 e 22 desenvolveranse un obradoiro didáctico e un percorrido pola antiga fábrica de salga de Mourisca. Trátase de propostas de balde e para todos os públicos.

 

Así, este domingo día 8, as persoas que se acheguen ao museo entre as 12,30 e as 13,30 horas disporán de guía no percorrido pola exposición permanente, para embarcarse na aventura da conquista do mar durante o período das grandes expedicións marítimas.

 

Poderán afondar tamén no coñecemento sobre a explotación dos recursos do mar, cun achegamento á historia das industrias pesqueiras, da salgadura, das conservas e da industria baleeira. A participación na actividade, que se repetirá todos os domingos do mes non precisa inscrición previa.

 

Importancia histórica do sal

Ademais, o sábado 21 ás 12,00 horas desenvolverase o obradoiro didáctico O sal do mar, centrado no papel fundamental do sal na conservación dos alimentos e na importancia da súa comercialización, así como nas repercusións económicas e políticas ao longo da historia. Incidirase especialmente no seu uso en Galicia para a conservación do peixe e na proliferación da industria salgadeira no século XIX.

 

Como complemento, o domingo 22, realizarase unha visita guiada á antiga fábrica de salga de Mourisca, creada no século XIX e que pertenceu á familia Massó. Os seus actuais propietarios restaurárona recentemente para a súa posta en valor como testemuño histórico.  Estas dúas últimas actividades si requiren de inscrición previa.