A Xunta convoca para maio e xuño as primeiras probas Celga do ano con máis de 2000 matriculados

O IES Antonio Fraguas e a EGAP de Santiago e mais a EOI de Ponferrada acollerán estas probas os días 28 e 29 de maio e 4, 5 e 11 de xuño

Tanto os horarios de realización como as listaxes das persoas admitidas poderanse consultar no web Portal da Lingua Galega

Antes de que remate o 2022, prevese a publicación dunha segunda convocatoria
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga 1, 2, 3 e 4,  en Santiago de Compostela e Ponferrada.

 

As 2370 persoas inscritas nas probas, que neste 2022 poden optar a cursos titorizados e tamén de autoformación, daranse cita nos meses de maio e xuño en Ponferrada (para o Celga 4, 3 e 2) e en Santiago de Compostela, tanto no IES Antonio Fraguas (para o Celga 4, 3 e 2) como na Escola Galega de Administración Pública (para o Celga 1).

 

As probas Celga 4, en Santiago de Compostela e Ponferrada, terán lugar o 28 e 29 de maio. As do Celga 3, tamén en ambas as localizacións, o 4 de xuño e as do Celga 2, o 5 de xuño. O día 11 de xuño realizaranse as probas do Celga 1 tan só en Santiago de Compostela.

 

Tanto os horarios de realización como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel poden consultarse no Portal da Lingua Galega. Así mesmo, tamén se publicará, na semana de cada unha das probas, a porta de acceso ao centro e mais a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita.

 

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta terá lugar o mesmo día que a proba escrita. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar esta proba publicarase no centro correspondente, así como no Portal da Lingua Galega, unha vez que remate a proba escrita.

 

No caso daquelas persoas ás que, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e a aula correspondentes.

A previsión é que, como en anos anteriores, se volva publicar unha segunda convocatoria para a realización de máis exames antes de que remate o 2022.

 

Co fin de garantir un desenvolvemento seguro de todo o proceso, todas as persoas que se presenten a estas probas deberán respectar as medidas que esixan e/ou recomenden as autoridades sanitarias segundo a evolución da pandemia da covid-19 e que, de ser o caso, se publicarán no Portal da Lingua Galega.

Imaxes relacionadas