Trenor informa de que as axudas da PAC para agricultores e gandeiros ascenderon en 2021 a máis de 9,2 M€ e beneficiaron a máis de 1.240 explotacións da comarca da Coruña

O delegado da Xunta destacou nunha explotación beneficiaria de Mesía estes apoios son os máis importantes para as comarcas rurais de Galicia, tanto polo número de beneficiarios como polo importe concedido

Con respecto á campaña deste ano calcúlase que uns 25.000 agricultores e gandei-ros se beneficiarán recibindo un importe superior aos 210 millóns de euros (170 millóns de axudas directas e 40 millóns de achegas ao desenvolvemento rural)

 

Mesía  (A Coruña), 5 de maio de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou en Mesía a gandería Marzoa e Ruíz dedicada ao vacún de leite, unha das beneficiadas polas axudas da PAC nesta comarca.

 

O representante do Goberno autonómico destacou que “para as zonas rurais, estas axudas son as máis importantes tanto polo número de beneficiarios como polo importe concedido, e son básicas na aposta da Xunta por fomentar a competitividade da agricultura galega, para que o rural sexa sinónimo de emprendemento e xuventude e non de estancamento”.

 

Trenor informou de que tan só na comarca da Coruña as axudas da PAC, orde que inclúe tanto os pagos directos á agricultura e aos gandeiros como as axudas ligadas ao desenvolvemento rural, chegaron en 2021 a case 1.240 agricultores e gandeiros, cun investimento de arredor de 9,2 millóns de euros.

 

A nivel provincial, 8.188 agricultores e gandeiros da Coruña percibiron máis de 53,2 millóns de euros desta orde coas súas distintas liñas.

Trenor lembrou que a Xunta ampliou ata o vindeiro día 13 de maio o prazo de presentación da solicitude única das axudas da PAC, que remataba inicialmente o día 30 de abril, polo que aínda quedan algúns días para poder pedir estas axudas.

As axudas da PAC están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e están vinculadas á superficie destinada a cultivos proteicos para a alimentación animal ou á produción de legumes de calidade. Tamén se destinan axudas ás explotacións que manteñan vacas nutrices, vacún de cebo ou vacún de leite, así como ás de ovino e caprino.

 

No caso do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) o apoio é mediante liñas de axuda en zonas de montaña e para outras zonas con limitacións naturais para a actividade agraria, así como para explotacións de animais de razas autóctonas en perigo de extinción, para a apicultura como medio de conservación da diversidade, para a xestión sustentable de pastos, a extensificación de vacún de leite e a produción de agricultura ecolóxica.

 
Campaña 2022

Con respecto á campaña deste ano das axudas da Política Agraria Común (PAC), calcúlase que uns 25.000 agricultores e gandeiros se beneficiarán destas achegas o presente ano recibindo un importe superior aos 210 millóns de euros (170 millóns de axudas directas e 40 millóns de achegas ao desenvolvemento rural).

 

Deste xeito, Trenor deixou patente que -ao igual que aconteceu como novidade na campaña anterior- os interesados poderán descargar diferentes aplicacións electrónicas para informarse sobre as axudas da PAC, consultar as súas solicitudes, facer alegacións e mesmo realizar fotografías xeorreferenciadas cando sexa necesario para completar algún dos procesos precisos para a concesión das achegas.

 

Cabe engadir que a Consellería de Medio Rural asume este ano o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da PAC, que as explotacións cobran no mes de outubro de cada ano. Suporá anticipar seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros cun custo para a Xunta de arredor de dous millóns de euros.

Departamento:
C. do Medio Rural