A Xunta achega as liñas de apoio á I+D+i ás empresas de enxeñaría e tecnoloxía

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nun almorzo organizado pola Asociación Clúster de Empresas de Ingeniería, Consultoría y Servicios Tecnológicos de Galicia (Ageinco)

Argerey informou a este colectivo sobre as liñas de impulso á innovación empresarial abertas actualmente, como InnovaPeme e DeseñaPeme; de retención e captación de profesionais, como Talento Sénior; e outras que se convocarán proximamente, como os Bonos de Innovación
 

Vigo, 5 de maio de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou esta mañá, no marco dun almorzo organizado polo Asociación Clúster de Empresas de Ingeniería, Consultoría y Servicios Tecnológicos de Galicia (Ageinco) sobre os beneficios e a aplicación da I+D+i no ecosistema de enxeñaría e tecnoloxía de Galicia,  e do relevante papel destas empresas na dinamización da innovación empresarial en Galicia, especialmente entre as pemes.

 

Precisamente este obxectivo alíñase co Programa de Impulso á Innovación nas Pemes da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Este programa, posto en marcha en 2021, persegue promover a innovación entre as pemes galegas, especialmente aquelas situadas fóra dos núcleos urbanos e de sectores máis tradicionais, para potenciar a súa competitividade e crecemento.

 

Neste senso, Argerey sinalou a necesidade de colaboración entre empresas e con centros de coñecemento para salvar os obstáculos aos que se enfrontan as pequenas empresas á hora de innovar. Precisamente, Galicia destaca pola súa capacidade de cooperación entre axentes do ecosistema galego de innovación -en 2020 era a segunda Comunidade Autónoma con máis cooperación entre empresas para desenvolver proxectos de innovación-.

 

Mapa de apoios á innovación

A directora de Gain presentou ás empresas asistentes o mapa de apoios da Xunta de Galicia á innovación. En especial, Argerey centrouse nas liñas de apoio abertas actualmente, como Innova Peme e Deseña Peme, destinadas respectivamente a incrementar a capacidade innovadora das pemes e microempresas galegas a través de actividades integradas en plans de innovación e apoiar a incorporación do deseño como elemento estratéxico nas organizacións como unha ferramenta imprescindible para a innovación.

 

Así mesmo, lembrou que está aberta a liña de axudas Talento Sénior, destinada a apoiar tanto a atracción como o retorno profesional de profesionais altamente cualificados para desenvolver actividades de I+D+i en empresas e centros de coñecemento galegos. 

 

Por outra banda, anunciou a convocatoria de novas liñas como os Bonos de Innovación, que apoiarán a contratación de servizos externos que faciliten as actividades de innovación, a captación de fondos en convocatorias de concorrencia competitiva e o aproveitamento dos beneficios fiscais á I+D+i. Por último, adiantou algún detalle da nova liña de axudas á creación e integración de novos centros de investigación empresarial no ecosistema de innovación de Galicia.

Imaxes relacionadas