A Xunta enfía o legado de María Casares coa vangarda da escena galega no arranque no festival ‘Escenas do cambio’ no Gaiás

O festival de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura inaugura unha exposición sobre María Casares e recrea, cunha gravación inédita, un recital da actriz galega e o guitarrista flamenco Pedro Soler de 1989

secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, subliña a necesidade de que a creación contemporánea conserve e faga evidente a conexión coa tradición e a herdanza de precursores como María Casares

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición María Casares – Pedro Soler. Collioure 1989 coa que arrinca este ano o festival de teatro, danza e arte en acción Escenas do cambio, organizado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Con esta mostra e un coloquio-recital en homenaxe á actriz galega, no ano que se conmemora o centenario do seu nacemento, o festival comeza a súa programación reivindicando a María Casares como figura clave da vangarda escénica e conectando a súa herdanza coa creación contemporánea galega.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade estivo acompañado no acto pola directora artística do festival, Lola Correa, pola directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira Otero, e por tres persoas moi vinculadas á figura de María Casares que compartiron as súas lembranzas da intérprete co público: Lluís Pasqual, fundador do Teatre Lliure e recoñecido director de escena tanto en Francia como en España; Anne Plantagenet, autora da biografía de María Casares baseada na súa correspondencia amorosa con Albert Camus, e o guitarrista de flamenco Pedro Soler.

 

O secretario xeral destacou a pertinencia de traer a memoria de María Casares a un festival que se caracteriza pola experimentación e por transcender fronteiras. “O espírito afouto, a vontade de ir máis alá dos límites, son dúas calidades que recoñecemos tamén en María Casares e que a levaron a converterse nunha figura clave do teatro francés do século XX, e tamén do cinema”. A galega debutaba no exilio en París con apenas 20 anos para seguir a partir de aí unha carreira ascendente que a levou a interpretar obras de Albert Camus ou Jean-Paul Sartre, unha decena de filmes, e a ser a primeira actriz non francesa admitida na prestixiosa Comédie Française, ademais rostro habitual nos xornais, carteleiras e revistas do país.

 

Escenas do cambio ofrece nesta mostra —comisariada por Carlota Ojea e que poderá visitarse no Museo Centro Gaiás ata o 28 de agosto—, documentos orixinais como programas de man, carteis, artigos en prensa e fotografías, moitos deles inéditos, vencellados ao recital que María Casares realizou canda Pedro Soler na cidade francesa de Collioure en 1989. Ademais, por primeira vez, o público puido escoitar a voz da galega recitando poemas de Antonio Machado nunha gravación recuperada de maneira especial para recrear esta actuación, acompañada pola guitarra en directo de Soler no Gaiás.

 

Creación contemporánea en conexión coa tradición

A xornada inaugural de Escenas do cambio conecta historia, tradición e vangarda tamén en Sons do esquecemento ou A navalla do tempo, de Mateo Feijóo, e na revisión dun clásico de Shakespeare que presenta a compañía galega Voadora en Hoax Hamlet.

 

Na primeira, Mateo Feijóo recupera a través da fotografía e o son, os rostros, os saberes e os ecos dunha cultura que esmorece no rural galego e convida a reflexionar sobre o que a día de hoxe se considera desfasado, incómodo ou obsoleto na sociedade. Trátase da primeira obra feita en Galicia por este director artístico e programador galego, que ten destacado polo seu traballo en institucións como o Teatro de la Laboral en Xixón ou Naves-Matadero en Madrid. A instalación poderá visitarse durante os días do festival e tamén do 10 ao 14 de maio no Museo Centro Gaiás.

 

Finalmente, Voadora pecha esta noite a primeira xornada do festival coa estrea da súa última creación, Hoax Hamlet, unha fábula que presentan como un monstro, un fillo, unha historia de amor que dirixe Hugo Torres e que é tamén homenaxe ao equipo técnico da compañía, aquelas persoas que xeralmente non se ven sobre o escenario pero que fan que todo funcione.

 

En total, Escenas do cambio ofrece ata o domingo 14 experiencias, oito delas estreas absolutas no festival, coas que artistas contemporáneos de Galicia, do resto de España e tamén de Francia e Portugal, buscan conectar co público en escenarios insólitos —como unha viaxe en autobús ata o cabo do mundo ou o cumio do Gaiás no abrente do día—, estudar as posibilidades expresivas do corpo en movemento —Grasped by intuition, Moi Antonio, M., Que de bonheur (?)— ou transcender as linguaxes e o espazo para transformar a realidade, como propón a Hammamturgia da Societat Doctor Alonso, INsideOUTsideINside, de Sara Molina ou Waterclose, da Sala La Usina, entre outras.

Imaxes relacionadas