O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou hoxe na presentación da iniciativa enmarcada no ciclo ‘Con arte’

A Xunta colabora coa Fundación Igual Arte na integración das persoas con discapacidade a través das disciplinas artísticas

A entidade, co apoio do Goberno galego, pon en marcha ‘Con ojo de pez’, unha proposta que achegará aos escaparates de diferentes comercios galegos música, teatro e danza

Vigo, 5 de maio de 2022

A Xunta de Galicia colabora coa Fundación Igual Arte na integración das persoas con discapacidade a través das disciplinas artísticas. O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou hoxe na presentación da proposta Con ojo de pez, que se enmarca no ciclo Con arte, e que levará aos escaparates de diferentes comercios galegos música, teatro e danza para achegar ao público da rúa as capacidades das persoas con discapacidade no mundo artístico.

Fernando González Abeijón aproveitou o acto para poñer en valor o compromiso do Goberno galego coa Fundación e cos diferentes programas que pon en marcha para impulsar a autonomía das persoas con discapacidade. Neste sentido, subliñou que a través dos fondos do 0,7 % do IRPF a Xunta de Galicia achegou a esta entidade máis de 50.000 euros.

A proposta comezará o día 9 de maio na Coruña e, logo de pasar por Vigo e Viveiro, rematará o día 27 dese mesmo mes en diferentes localizacións do concello de Ames. É un proxecto innovador que procura reivindicar o espazo de todas as persoas dentro da arte.

Imaxes relacionadas