A Xunta adxudica a redacción do proxecto para construír unha glorieta na intersección das estradas autonómicas LU-530, LU-740 e LU-730 na Fonsagrada

O contrato, adxudicado por un importe de máis de 18.000 euros, conta con 9 meses de prazo para a redacción do proxecto

O obxectivo é mellorar a seguridade na intersección das citadas estradas autonómicas, que conta actualmente cunha disposición de glorieta partida

A nova rotonda funcionará como elemento redutor de velocidade no inicio do treito urbano da travesía da LU-530, que é a vía que soporta maior tráfico das tres

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para ofrecerlles aos cidadáns unhas estradas cómodas, seguras e eficientes
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a redacción do proxecto de construción dunha glorieta na intersección das estradas LU-530, LU-740 e LU-730, na Fonsagrada.

 

O contrato, adxudicado ao consultor SEPCO S.L. por máis de 18.000 euros, conta con 9 meses de prazo para a redacción do proxecto.

 

O obxectivo da intervención é mellorar a seguridade na intersección das citadas estradas autonómicas na Fonsagrada, que conta actualmente cunha disposición de glorieta partida.

 

As obras realizaranse na contorna do punto quilométrico 57+000 da estrada autonómica LU-530.

 

A reforma da intersección, para configurala como unha glorieta completa, implicará unha mellora da seguridade viaria desde o punto de vista da ordenación dos xiros.

 

Ademais, a rotonda funcionará como elemento redutor de velocidade no inicio do treito máis urbano da travesía da LU-530, que é a vía de maior tráfico das que conflúen nesta intersección.

 

O contrato adxudicado deberá deseñar a glorieta e o seus entronques, así como prever a reposición daqueles servizos que se poidan ver afectados pola actuación.

 

Tamén deberá considerarse a incidencia do deseño na mobilidade peonil, así como a integración urbana da propia rotonda.

 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para ofrecerlles aos cidadáns unhas estradas cómodas, seguras e eficientes.