A Xunta coloca unha placa no Monte do Gozo para dar a coñecer os dereitos humanos aos máis novos

Forma parte da primeira “Ruta dos Dereitos Humanos”, un proxecto en curso levado a cabo pola asociación estadounidense sen ánimo de lucro “International Solidarity for Human Rights”

Na inauguración participaron a directora de Turismo, Nava Castro, e a Comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira
 

Santiago, 5 maio de 2022

O parque infantil do Monte do Gozo acolleu hoxe o descubrimento dunha placa de bronce na que se recolle o artigo número 28 da Declaración de Dereitos Humanos. Trátase da primeira das 30 placas que a asociación sen ánimo de lucro International Solidarity for Human Rights quere colocar no Camiño para promover o coñecemento dos Dereitos Humanos entre os máis novos.

Nava Castro, a directora de Turismo de Galicia, e a Comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, participaron hoxe no acto de descubrimento desta primeira placa promovida por esta entidade estadounidense, fundada en Florida no ano 2008, cuxa misión é dar a coñecer a Declaración Universal de Dereitos Humanos da ONU.

A actividade estivo precedida dunha exposición por parte da asociación no colexio CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, onde os alumnos de quinto e sexto de primaria participaron nunha charla coa finalidade de promover o coñecemento destes dereitos entre os máis novos.

 

A primeira “Ruta dos Dereitos Humanos” é un proxecto en curso que se está levando a cabo en oito campus e instalacións do Miami Dade College en Florida, que conta con máis de 165.000 estudantes de todo o mundo.

 

Este proxecto, ademais de levar a cabo accións formativas, consiste en instalar 30 placas de bronce na ruta do Camiño Primitivo, cos artigos da Declaración de Dereitos Humanos, deseñadas polo artista español Demo (Eladio de Mora).

 

En setembro prevese que será a inauguración definitiva da Ruta dos Dereitos Humanos no Camiño Primitivo, onde os representantes da fundación, acompañados de alumnos da universidade de Miami Dad Collage, darán comezo a unha peregrinación dende Oviedo, finalizando en Santiago de Compostela.

Co apoio a estas iniciativas o Goberno galego segue a avanzar no grao de coñecemento do Camiño de Santiago en EEUU e así superar a afluencia de peregrinos do ano 2019, onde case 21.000 persoas chegaron a Galicia dende o país americano.