A estrela Michelín Lucía Freitas presenta os produtos Galicia Calidade ao alumnado do IES Sanxillao de Lugo

Un total de 25 estudantes de primeiro curso dos estudos de Cociña e Gastronomía e de Dirección de Cociña colaboraron coa recoñecida cociñeira nun obradoiro da Aula Gastronómica Galicia Calidade

Ana Méndez, xerente do selo galego, resaltou a oportunidade que para o alumnado supón esta experiencia formativa cun referente como é Freitas

Lugo, 5 de maio de 2022

A Aula Gastronómica Galicia Calidade achegouse ata a cidade de Lugo no oitavo cociñado desta iniciativa formativa impulsada pola Xunta de Galicia. A cociñeira Lucía Freitas foi a encargada de amosar os produtos do selo galego ao estudantado dos primeiros cursos de Cociña e Gastronomía e de Dirección de Cociña a través dun obradoiro.

 

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, salientou a importancia para os alumnos e alumnas de “coñecer a fondo e cociñar con produtos Galicia Calidade, que son referencia na alimentación”, como forma de apreciar os materiais de cara ao seu futuro profesional.

 

A xerente do organismo dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación puxo en valor, asemade, o privilexio que supón para alumnas e alumnos traballar cun referente da cociña galega como é Freitas. Méndez lembrou que se sorteará unha comida ou cena entre todo o estudantado participante nesta iniciativa no restaurante que elixa a persoa gañadora, de entre os que colaboran nos cociñados.

 

Menú

O menú proposto por Lucía Freitas e no que colaborou o estudantado do IES Sanxillao estivo composto de catro platos: empanada líquida de berberecho de Noia; escabeche cítrico de mexillón de Galicia e cabaza; solombo de porco curado en kombu con remolachas da horta; e tarta Exquisiña e xeado de kiwi atlántico.

 

As marcas colaboradoras nesta cita da Aula Gastronómica Galicia Calidade foron Cabo de Peñas, Coren, Feiraco, Galifresh, Kiwi Atlántico, Mariscos Alumar, Pazo de Vilane e Quescrem. A Fundación Artesanía de Galicia colaborou novamente coa iniciativa a través do seu proxecto Artesanía no Prato, mediante o cal se buscan sinerxías entre a alta cociña galega e os produtos artesáns, achegando neste caso a vaixela empregada no cociñado. 

 
 

Traxectoria

Con recoñecementos como unha estrela Michelín, dous soles Repsol e, máis recentemente, o galardón "Chef de L'Avenir" 2022 da Academia Internacional de Gastronomía á figura con máis futuro, Lucía Freitas é un dos referentes na gastronomía galega actual.

 

Freitas formouse no Centro Superior de Hostalería de Artxanda, en Bilbao, unha aprendizaxe que complementou cos estudos en Espai Sucre, en Barcelona. Na súa traxectoria pasou por establecementos como o Celler de Can Roca, en Girona; Bohío, en Illescas; Mugaritz, en Errentería (Guipúzcoa); e Tapies (Lleida).

 

Actualmente é propietaria do restaurante A Tafona, en Santiago de Compostela, un establecemento certificado por Galicia Calidade, e da barra gastronómica LUME. Tamén é chef manager do restaurante Tomiño, en Nova York.

Imaxes relacionadas