O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, respondeu hoxe a unha pregunta sobre este documento na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

Política Social destaca o cumprimento do 96 % dos propósitos da anterior Axenda Social Única e pon en valor a súa renovación desde o consenso

Entre as medidas postas en marcha que ratificaron a súa importancia están a redu-ción do tempo de tramitación da Risga, a ampliación do programa de mediación con-tra os desafiuzamentos ou o Bono alugueiro social, entre outros

A Axenda Social Única 2021-204 aglutina un total de 93 medidas, das cales o 80 % están capitaneadas polo Goberno galego

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o cumprimento do 96 % dos propósitos da anterior Axenda Social Única e puxo en valor a renovación do documento desde o consenso coas entidades sociais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).  

Arturo Parrado subliñou que a Axenda Social Única de Galicia púxose en marcha no 2016 coa vontade de fomentar a colaboración entre a Administración autonómica e as locais para coordinar as medidas e actuacións de loita contra a exclusión social.

Así, deste documento sinalou varias medidas que a ratificaron a súa importancia: a redución do tempo de tramitación da Risga; a ampliación do Programa Con Teito, de mediación contra os desafiuzamentos; o Bono alugueiro social; o reforzo dos servizos sociais municipais; ou o incremento no orzamento ás entidades sociais para a posta en marcha de programas que atendan de forma directa ás persoas máis vulnerables.

Nova Axenda

O director xeral sinalou que a Xunta de Galicia asinou a finais de 2021 coa Fegamp e coas entidades sociais da Comunidade a Axenda Social Única 2021-2024, que recolle as principais medidas que se prevé poñer en marcha no eido social nesta etapa.

O investimento destinado a esta axenda será dinámico e irá evolucionando en función dos cambios na situación social. Como referencia, no ano 2021 as medidas recollidas neste documento contaron cun investimento de 402 millóns de euros, o dobre do orzamento anual da anterior axenda. O documento aglutina un total de 93 medidas, das cales o 80 % están capitaneadas polo Goberno galego.