A Xunta roda nos escenarios emblemáticos do Camiño unha nova edición da campaña “Camiña a Galicia”

O vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, asistiu á gravación do audiovisual na praza do Obradoiro, onde valorou o éxito dunha iniciativa promocional que dará a coñecer o Xacobeo por todo o mundo nun ano no que Galicia está de moda

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, asistiu esta semana na praza do Obradoiro á rodaxe do spot dunha nova edición da campaña “Camiña a Galicia” coa que o Goberno galego quere potenciar un Xacobeo histórico.

Rueda compartiu co equipo da rodaxe unha xornada fronte a Catedral de Santiago de Compostela na que quedou claro que Galicia está de moda e que a chegada de peregrinos é constante. O responsable de Turismo en funcións foi testemuña das gravacións que se levaron a cabo esta semana nos escenarios máis emblemáticos do Camiño para a posta en marcha dunha potente iniciativa promocional que se estreará este mes e que se reflectirá nos medios audiovisuais e na prensa escrita, na radio, nos medios dixitais, nas redes sociais, en vallas publicitarias e noutros soportes complementarios.

O vicepresidente primeiro en funcións recordou o éxito da campaña do ano pasado, con máis de 25 millóns de impactos en medios dixitais e redes sociais, e amosouse convencido de que nesta edición aínda se vai superar o alcance acadado daquela, tendo en conta a apertura da mobilidade internacional e as cifras récord que está a acadar o Camiño, que hoxe chega ás 50.000 compostelas, superando o número de peregrinos contabilizados por esta época nos anos de maior afluencia.

Rueda recordou que Galicia está de moda e que “camiñar a Galicia” é hoxe a mellor opción porque ofrece calidade, paisaxe, gastronomía, historia ou patrimonio; “é dicir, todo o que esixe o turista de hoxe en día”.

 

Imaxes relacionadas