A Xunta adxudica a redacción do proxecto de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-230, no concello de Curtis

Este contrato, que suporá un investimento autonómico de máis de 18.000 euros, conta cun prazo de execución de 8 meses

O obxectivo é desenvolver un itinerario para mellorar a accesibilidade e o tránsito peonil nun treito da vía, de algo máis de 1 km, ao seu paso polo municipio

A intervención adaptarase ás deseñadas no Plan de Sendas de Galicia, onde se prioriza o reforzo da seguridade viaria dos usuarios vulnerables da estrada, especialmente dos peóns, e se fomenta unha mobilidade máis respectuosa co medio

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

A Xunta adxudicou a redacción do proxecto de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-230, no concello de Curtis.

O contrato, adxudicado á empresa Deseños Estruturais e Viarios, S.L., por un importe de máis de 18.000 euros, conta cun prazo de execución de 8 meses.

O obxectivo é desenvolver un itinerario para mellorar a accesibilidade e o tránsito peonil no treito da vía autonómica, de algo máis de 1 km, comprendido entre os puntos quilométricos 11+020 e 12+030.

O proxecto desenvolverase por unha das marxes da estrada, estando previsto en principio que sexa pola beira dereita, aínda que deberá ser determinado definitivamente na redacción do proxecto.

No deseño do proxecto incluiranse todas aquelas actuacións complementarias que sexan necesarias para a execución da senda, como as de retranqueo e reposición de servizos, así como a renovación de sinalización, entre outras.

Esta intervención do departamento de Infraestruturas da Xunta adaptarase no seu deseño ás impulsadas no marco do Plan de Sendas de Galicia, onde se prioriza o reforzo da seguridade viaria dos usuarios vulnerables da estrada, especialmente dos peóns, e se fomenta unha mobilidade máis respectuosa co medio.